Site icon Crónica3.com A Mariña

O cribado periódico realizado polo SERGAS no Centro de Atención a Maiores de Ribadeo arroxou este mércores un positivo entre as persoas usuarias

 Lugo, 10 de febreiro de 2021. O cribado periódico realizado polo SERGAS no Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribadeo arroxou este mércores un positivo entre as persoas usuarias, momento no que a Deputación de Lugo procedeu a illar a esta persoa e á súa acompañante de habitación.

Así mesmo, a Deputación de Lugo decidiu realizar, hoxe mesmo, probas de diagnose con recursos propios, tanto a esta persoa, como á súa acompañante de habitación e aos usuarios e traballadores que tiveron un contacto estreito con ela, co obxectivo de corroborar o resultado, dada a elevada posibilidade de tratarse dun falso positivo, tendo en conta que todos os demais residentes deran negativo no cribado periódico do SERGAS, e que o centro está pechado, polo que non se reciben visitas, nin os usuarios saen o exterior, como medida de prevención da Covid-19.

Realizadas as probas nun centro de diagnóstico lucense autorizado pola Xunta de Galicia, que consta inscrito no Rexistro de Centros Sanitarios, TODAS DERON NEGATIVO. Polo tanto, tratouse dun falso positivo.

Á vista destes resultados, a Deputación de Lugo solicitaralle ao SERGAS a realización dunha segunda proba PCR a esta persoa usuaria. Ata obter o resultado, esta persoa e a súa acompañante de habitación continuarán illadas como medida de precaución.

Así mesmo, a Deputación de Lugo informa de que toda comunidade do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo completou a pauta de vacinación da Covid-19, excepto esta persoa usuaria que resultou ser un falto positivo, quen non puido ser vacinada por desexo expreso dun familiar, que é o titor legal, un feito que a institución provincial xa puxo en coñecemento da Fiscalía. Sendo a vontade da institución protexer á totalidade dos residentes e persoal do centro, reiterará de novo a comunicación ao Ministerio Fiscal para que a autoridade xudicial decida o que corresponda con respecto á súa vacinación.

Exit mobile version