Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno provincial reclama á Xunta máis recursos para atención domiciliaria e novas prazas públicas en residencias e centros de día

Lugo, 20 de febreiro de 2021. O goberno provincial demanda á Xunta de Galiza un novo modelo público de coidados que aborde a atención á dependencia dun xeito integral.

A vicepresidenta Maite Ferreiro adiantou o contido da proposta que se presentará no vindeiro pleno provincial e que incide “no reforzo dos servizos de axuda no fogar e de teleasistencia, así como na creación de prazas en residencias e centros de día de titularidade pública”

Maite Ferreiro sinalou que “a pandemia puxo de manifesto a necesidade dun novo modelo asistencial, que facilite máis e mellores coidados no domicilio e contribúa a que as persoas poidan quedar nas súas casas o maior tempo posible, sen que iso supoña unha carga extra para as mulleres que asumen case en exclusvia os coidados no ámbito familiar”.

Así, a proposta demanda recursos para ampliar a atención que reciben no domicilio as persoas usuarias tanto en contidos como en intensidade horaria. A este respecto, a vicepresidenta lembrou que “a aportación da Xunta de Galiza leva anos sen actualizar, cargando sobre os concellos o mantemento e a xestión dun servizo cada vez máis demandado”.

Nesa liña, a moción tamén reclama a ampliación do servizo de teleasistencia para garantir, progresivamente, o acceso a este recurso de todas as persoas maiores de 65 anos que viven soas.

No referido as residencias e centros de día, a proposta demanda á Xunta a creación de máis prazas públicas para comezar a revertir a situación actual xa que, segundo lembrou Maite Ferreiro, “o 80 por cento das prazas residenciais de Galiza están en mans privadas”

A vicepresidenta incidiu na conveniencia “dunha rede pública con centros pequenos, integrados na contorna e cunha ratio de persoal que garanta unha atención directa e personalizada, seguindo o modelo dos centros de atención a maiores da Deputación”. Neste senso, lembrou que a “Deputación destinará este ano preto do 10 por cento do orzamento ao mantemento e ampliación da rede de residencias”.

Exit mobile version