Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego demanda impulsar e desenvolver unha Estratexia para o sector cárnico

Santiago, 19 de febreiro de 2021. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición no de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar e desenvolver unha Estratexia para o sector cárnico de Galicia. O deputado popular Daniel Vega concretou que este plan “impulsará un sector profesionalizado e unha mellora das explotacións, investindo na mellora xenética e apostando polas nosas razas autóctonas”.

Daniel Vega afirmou que “o sector cárnico desenvolve un papel clave no equilibrio territorial de Galicia, agrupando unha variada tipoloxía de produción”. Así, destacou que en Galicia hai máis de 61.000 explotacións, supéranse ás 400.000 toneladas de produción cárnica, existen 231 empresas dedicadas á industria cárnica, 1.300 millóns de euros facturados, arredor de 13.500 traballadores e un valor económico global de 37 millóns de euros.

“Estas cifras reafirman a necesidade de elaborar unha estratexia específica para este sector e equiparalo á mesma metodoloxía doutros sectores como o lácteo, o vitivinícola ou o forestal”, indicou o deputado popular.

Así mesmo, Vega manifestou que “debemos apostar polo relevo xeracional, apoiando a incorporación de novos gandeiros, mellorando as explotacións, con formación e, sobre todo, con asesoramento técnico”. “Todo isto acompañado da ampliación da base territorial das explotacións, algo clave no que a Xunta xa está a traballar, e avanzando nunha mellor capacidade de competir nos mercados nacionais e internacionais”, engadiu.

Exit mobile version