Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés afirma que “Llano non está a facer nada para que Burela conte cunha nova EDAR”

 Burela, a 04 de febreiro de 2021. O Partido Popular de Burela manifesta que esta localidade corre o risco real e serio de perder os fondos para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), xa que o Goberno Central, un ano despois de que lle fose solicitado, vén de emitir un informe que non garante en absoluto a ubicación proposta para a nova infraestrutura, indicando no mesmo que hai que movela ao norte ou ao sur. “Se a movemos ao norte, podemos poñela en Inglaterra mar por medio, e se a movemos ao sur, pois podemos poñela no monte Castelo”, sinalan.
Os populares lembran que a nova EDAR, fundamental para Burela, foi xestionada polo anterior goberno municipal do PP, e incluída nun proxecto de recuperación medioambiental dotado con fondos da Unión Europea, cun período de realización entre 2014 e 2020, e no que, aseguran, “estamos xa na prórroga”.
Para o PP de Burela, o informe da Dirección General de la Costa y el Mar, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica, “deixa en moi mal lugar a Alfredo Llano, porque se adicou estes anos a pedirlle á Xunta, pero non se preocupou de xestionar o asunto ante Costas do Estado, xa que a instalación ten que contar con informe preceptivo favorable desta Dirección Xeral”. “Llano minte cando descarga de culpas á Dirección General de la Costa, porque o seu informe é fundamental”, remarcan.
Os populares pídenlle ao alcalde socialista que “dunha vez por todas, se poña a traballar”. “Xa sabemos como é o xeito de actuar de Llano, tan lento coma unha procesión de caracois pero, neste asunto, debería amosar compromiso. Polo momento, o que amosa é unha pasividade absoluta e nula capacidade de negociar mesmo con xente do seu partido”, afirman.

Exit mobile version