O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, lembra que Celeiro chegou a contar con tres entidades bancarias. Agora unicamente quedaba a oficina de Abanca, que, salvo que a dirección desta empresa reconsidere a medida, tamén bota o peche. Como consecuencia, os usuarios desta entidade en Celeiro terán que acudir a Viveiro, coas conseguintes molestias e a formación de colas para ser atendidos. Os máis prexudicados serán os veciños máis maiores, que terán máis dificultades para desprazarse ata Viveiro.
Rodríguez sinala que o PP apoiará unha intervención conxunta de todos os grupos que integran a corporación municipal para, por un lado, respaldar decididamente, a reivindicación veciñal para que Abanca siga tendo oficina en Celeiro; por outra parte, para intentar manter unha reunión con directivos desta entidade, para deixar claro o prexuízo que suporá para os veciños de Celeiro, para os propios clientes de Abanca, o peche desta oficina. Rodríguez destaca que hai en marcha unha recollida de sinaturas polos veciños para intentar convencer á entidade de que ten que seguir tendo presenza física en Celeiro.
O portavoz popular sinala: “Non é admisible esta decisión, tomada de maneira totalmente unilateral e baseada, supoñemos, unicamente en consideracións económicas. Este é un servizo do que os veciños de Celeiro non poden prescindir sen grave menoscabo da súa calidade de vida. Os concelleiros do PP faremos canto estea nas nosas mans para convencer a Abanca de que non peche a sucursal de Celeiro. O pasado recente debería ser lección suficiente para que a oficina de Celeiro siga aberta e plenamente operativa”.