Castiñeira sinala: “Chegado o remate do prazo, lamentamos o pouco caso que fixo o equipo de goberno da Deputación das reivindicacións dos concellos, especialmente dos máis pequenos, que dispoñen de moitos menos medios para tramitar este plan. O Plan Único supón para moitos deles máis do 50% dos seus investimentos e das posibilidades de atención ás necesidades anuais, que non poden abordar cos orzamentos municipais. Un mes de prazo é moi xusto para elaborar os proxectos técnicos e reunir toda a documentación e permisos sectoriais”.
O portavoz popular explica: “Hai uns días interesámonos, chamando ao equipo de goberno, por ver se valorara a posibilidade da prórroga, pero non recibimos resposta da intención do bipartito; observamos moi pouca vontade. Pasados os días vemos que non se fixo nada e que non se tomou en consideración a petición dos alcaldes. Agora só queda esperar que todos os concellos poidan presentar a tempo os seus planes e non teñan que desistir dalgún dos seus proxectos por falta de prazo”.
Para os populares, “o presidente demostra moi pouca capacidade de diálogo desde o primeiro minuto do seu goberno; rexeita de principio todas as propostas do PP simplemente por sectarismo político”. Castiñeira puntualiza: “E todo isto sumado ao continuo acoso nos plenos, saltándose incluso os dereitos que outorga aos deputados o Regulamento, como pasou na última sesión, na que deixou sen dúas quendas de réplica unha moción popular e mesmo o intento dende a presidencia de reducir o número de rogos cando non existe limitación neste sentido”. Remata instando “ao señor Tomé a que respecte á oposición e que non intente silenciala cos seus métodos do século pasado. O PP é o grupo maioritario da corporación provincial e debe ser tido en consideración, porque así o pide unha ampla maioría de lucenses”.