Site icon Crónica3.com A Mariña

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro recupera desde este sábado a súa programación con todos os protocolos covid-19

Viveiro, 18 de febreiro de 2021. O Concello de Viveiro informa do reinicio da programación cultural do Teatro Pastor Díaz. As novas medidas sanitarias anunciadas pola Xunta de Galicia esta semana permiten a reapertura ao público do teatro, que acolle este sábado a primeira función.

A concellería de Cultura do Concello de Viveiro organiza a programación cultural do teatro, que retoma a súa actividade con dúas representacións no mes de febreiro.

“Desta forma, queremos apoiar á cultura e non adiar a programación, porque é un sector moi castigado e necesita todo o apoio das institucións”, asegura Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.

A obra de comedia, “O Premio”, de La Quintana Teatro, recibirá ós espectadores/as este sábado 20 de febreiro ás 19:00. A representación está dirixida ao público adulto e trata sobre un futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito provocaron que un reality en directo, “O Premio”, sexa a única forma de conseguir a felicidade. Nesta función, o público pode escoller entre tres finais posibles en función do seu desexo.

Doutra banda, os pequenos e pequenas da casa poderán gozar o sábado 27 de febreiro ás 18:00 de “Pinocchio”, de Ghazafelhos Teatro. A obra, dirixida á nenos/as a partir de 5 anos, é unha adaptación libre do conto tradicional libre da obra de por Pepablo Patinho. A posta en escena mestura títeres, teatro actoral e música en directo nunha obra chea de humor e sensibilidade.

En todas as representacións será obrigatorio o cumprimento do protocolo COVID-19, implicando o uso de máscara e de xel hidroalcohólico. Ademais, deberase manter a distancia de seguridade en todo momento. Por último, segundo a normativa actual da Xunta de Galicia, a capacidade máxima do teatro será do 30%. Polo tanto, asignaranse as butacas e agruparase ás unidades familiares.

As entradas poden reservarse no teléfono 982560162 ou no enderezo electrónico: rgb.cultura@viveiro.es en horario de luns a xoves.

Achegamos a programación cultural completa dos meses de febreiro, marzo e abril 2021, que pode estar suxeita a cambios en función do contexto sanitario.

Exit mobile version