Este municipio de A Mariña leva anos aspirando a dispoñer dun polígono industrial que permita a dotación dunha oferta de solo atractiva e suficiente para a localización de industrias e a implantación de novas actividades económicas que favorezan o desenvolvemento da zona.
O anterior Executivo local, do Partido Popular, en colaboración coa Xunta de Galicia, deu pasos importantes con esta finalidade. De feito, aprobou no ano 2009 o plan de sectorialización como ferramenta técnica e urbanística básica cara a construción deste polígono.
Lamentablemente, a tramitación encamiñada por aquel entón atopouse co freo do novo goberno local que propuxo un novo emprazamento o que requiría, entre outras accións, a modificación deste plan sectorial. Anos despois os trámites non só non avanzan ao ritmo agardado; senón que incluso están nunha situación de parálise dado que, segundo transcendeu, o actual Goberno local non ten solicitado ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo o cambio de emprazamento.
Na práctica, este atranco impide a incorporación da nova localización no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e imposibilita que poida iniciarse a modificación das normas de planeamento do Concello para clasificar a nova zona como solo apto para urbanizar de uso industrial.
Esclarecer a situación dos trámites
Os populares adiantan que, dende o seu Grupo, decidiron levar este asunto á Cámara do Hórreo co fin de esclarecer todas as cuestións sobre este asunto porque os socialistas sinalaron no seu último programa electoral que fora aprobada a modificación puntual das normas urbanísticas en decembro do 2018 e quere saber se primeiro é necesario tramitar o cambio da área delimitada pola creación dun emprazamento diferente ante o IGVS para cumprir co que establece o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.
O plan de sectorización do parque empresarial foi aprobado inicialmente xa no 2009, na etapa do anterior goberno que deixou encamiñada a tramitación de cara á construción do polígono, e foi o PSOE o que propuxo unha nova ubicación pouco despois de chegar ao goberno.