Site icon Crónica3.com A Mariña

Usuarios e traballadores do Hospital Asilo de Ribadeo serán vacinados esta semana contra o covid19, tras darse por superado o gromo que se rexistraba o pasado mes de decembro

 Ribadeo, 8 de febreiro de 2021. Usuarios e traballadores do Hospital Asilo, de Ribadeo, serán vacinados contra o covid19 esta semana, tras darse por superado o gromo que se rexistraba o pasado mes de decembro. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que non hai ningún positivo no centro.
O rexedor contou que “logo de sete semanas desde que se produciran os primeiros contaxios de covid19 hoxe temos que dicir, con toda prudencia, e segundo as informacións facilitadas polos responsables do Hospital da Costa, que os últimos 3 usuarios afectados por coronavirus xa superaron a enfermidade e xa non están en réxime de illamento. Polo tanto, e despois de ter recibido onte os resultados da última PCR feita no Hospital Asilo, non hai ningún novo positivo e xa non queda ninguén afectado por esta pandemia”.
Suárez Barcia dixo que “ao mesmo tempo, tamén se nos indica, que ao longo desta semana seralles aplicada a vacina a todos os usuarios e traballadores do centro, con independencia de se xa o tiveran pasado ou non”.
O alcalde manifestou: “queremos indicar, unha vez máis, como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da dirección do centro, do seu persoal e tamén da boa actuación coordinada das autoridades sanitarias do Hospital da Costa e das do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) en todo este gromo sufrido durante este tempo”.
O rexedor engadiu que “e como valoración global de Ribadeo, segundo os datos que acaba de publicar a Consellaría de Sanidade no día de hoxe, Ribadeo aparece con 19 casos nos últimos 14 días. Debemos, por todo isto, concienciarnos a nós mesmos, e aos que nos rodean e cos que interaccionamos a diario para que cumpramos escrupulosamente todas e cada unha das recomendacións e as obrigas que as autoridades sanitarias nos indican. De todos nós dependerá que a cifra suba ou baixe nas vindeiras horas”.

Exit mobile version