Site icon Crónica3.com A Mariña

Volve a competición no atletismo de base coa primeira xornada da Copa provincial, co apoio da Vicepresidencia

Lugo 26 de febreiro de 2021. Este sábado celébrase a primeira xornada da Copa Deputación de Atletismo, organizada pola Federación Galega co apoio da área de Deportes. Preto de 200 atletas de clubs de toda Galiza participarán nas diferentes probas que se desenvolverán no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo.

De 11.00 a 14.00 horas disputaranse as probas ao aire libre, 300 ml (sub 16), 800 ml (sub 18 a Máster), 1000 ml (sub 16), 3000 ml (sub 18 a Máster) e lanzamento de xavelina.De 17.00 a 20.00 horas, no módulo cuberto, celebraranse as probas de salto de lonxitude e salto de altura, 60 ml (sub 16 a Máster) e 60 metros valos.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou que “se trata da décimo primeira edición do campionato, moi valorado polos clubs que atopan unha oportunidade para ir consolidando a capacidade competitiva das e dos atletas. O atletismo lucense está nun gran momento, con atletas de distintas modalidades no máis alto dos ránkings a nivel estatal, e pensamos que a continuidade deste tipo de competicións axuda a que a canteira siga medrando. Neste caso, a disputa da Copa é unha dobre boa nova, porque supón a volta á actividade despois do parón das competicións federadas autonómicas o pasado mes de xaneiro”.

O vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Jesús Vázquez, agradeceu “a colaboración da Área de Deportes, que está facendo unha importante laboura na promoción do deporte na provincia e do atletismo en particular”.

A área de Deportes achega 5.000 euros á organización da Copa Deputación.

Clubs lucenses

Lucus Caixa Rural, Atlética Lucense, Franciscanos, Atletismo Friol, CCA Ría de Foz, A Gándara de Monforte, Lugo Running, Verxel Nutrición e Maderas Barcia Lourenzá son os clubs lucenses que contan con atletas inscritos/as na competición.

Próximas datas

As vindeiras xornadas celebraranse os días 6 e 13 de marzo. En función da evolución da situación sanitaria, fixaranse as datas doutras dúas xornadas máis.

Exit mobile version