Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reparte aos concellos da provincia as 35.000 mascarillas entregadas polo Goberno central

Lugo, 10 de Marzo de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución provincial repartiu este mércores as 35.000 mascarillas que lle entregou o Goberno central para a súa distribución entre os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Como se vén facendo dende o inicio da pandemia tanto cos pedidos realizados pola Deputación como outros entregados polo Goberno estatal, o material distribuíuse de maneira proporcional entre os concellos segundo o número de habitantes de cada municipio.

Este novo reparto enmárcase no acordo de distribución de material sanitario adoptado polos ministerios de Política Territorial e de Sanidade coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). As tarefas de reparto desenvólveas o persoal do Parque Móbil da Deputación con once vehículos, un labor coordinado de tal forma que cobre todos os concellos nun día.

A Deputación segue colaborando coa máxima lealdade institucional cos concellos e con outras administracións para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean o máis protexidos posible.

Exit mobile version