Site icon Crónica3.com A Mariña

A hostalería cervense exenta 14 meses do pago da auga, lixo, saneamento e terrazas

Cervo, 19 de marzo de 2021. O Concello de Cervo eximirá á hostalería do pago dos recibos da auga do lixo, do saneamento e das terrazas finalmente durante 14 meses, 2 máis dos previstos inicialmente.
Así o explicaron hoxe o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Facenda, Dolores García Caramés, que concretaron que a exención destes tributos entrará en vigor o vindeiro mes de xullo “fixemos así coincidir o período cos meses de verán dos dous exercicios -2021-2022; porque sabemos que son datas nas que o consumo, por norma xeral, sofre un incremento notable”.

O rexedor e a edil precisaron que a intención da Administración local era tamén a de asumir o pago do canon autonómico da auga, pero ao non ser un imposto municipal, por normativa legal non resulta posible; “polo que, para compensar ao sector, en coordinación co servizo de intervención e tesourería, buscamos a forma de poder incrementar ese período de exención, que inicialmente ía ser de 12 meses, a 14; “co obxectivo de poder axudar no que está na nosa man a este gremio que é un dos que máis sofren e sufriron esta pandemia; tentando contribuír así ao impulso dunha actividade económica que é fundamental no noso municipio”.

A aplicación destas medidas implica a modificación das distintas ordenanzas municipais que se incluirá na orde do día do seguinte pleno ordinario que se celebrará nas vindeiras semanas. Por esixencias normativas, a partir desa data, con carácter bimensual, emitiranse recibos por un valor absolutamente simbólico de ao redor dun euro.

A edil e o rexedor recordaron que durante o 2020 xa se foron tomando medidas nesta liña para axudar ao sector na medida do posible “non se cobrou a taxa do lixo desde mediados de marzo e ata que se levantou a obriga de peche total en maio; tamén se facilitou a ampliación das terrazas nos espazos públicos sempre que foi posible; e desde o 15 de marzo non se emitiu ningún recibo pola ocupación da vía pública”.

Así mesmo, tamén se aplicou un plan de reactivación económica e social dirixido a todas as persoas autónomas do Concello que se puxo en marcha no pasado exercicio.

Exit mobile version