Site icon Crónica3.com A Mariña

A reparación do muro do cemiterio municipal de Viveiro, unha esixencia do PP

Viveiro, 15 de marzo de 2021. Con frecuencia, a mellor maneira de obter a fotografía máis exacta da calidade do traballo dos xestores dos intereses públicos e ir, na análise, do particular ao xeral, do detalle á totalidade. En Viveiro, aplicando este método, a foto que sae é movida, borrosa e sumamente escura. Dá o mesmo que parte da xestión do goberno presidido por María Loureiro se estude, o resultado é sempre o mesmo. Así o entende o grupo municipal do PP, á vista das deficiencias que poñen de manifesto os veciños tanto nos servizos como nas infraestruturas. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di: “Hoxe temos que sacar á luz outra desas deficiencias que delatan a nugalla, a falta de capacidade de xestión e de sensibilidade do goberno municipal de Viveiro: o muro que pecha o cemiterio de Viveiro, que leva parcialmente caído uns dous anos”.

Rodríguez sinala: “Que caia un muro, por ben feito que estea, no pais da auga, non ten nada de estraño. Agora ben, que ese muro leve caído dous anos e que, nese tempo, non se fixera nada polo Concello para reparalo, iso si que é estraño; ou non, en realidade non o é, porque responde á maneira de (non) facer que ten o equipo de María Loureiro. Dous anos e o muro segue sen ser reparado”.

O portavoz popular aclara: “Para tapar o oco que quedou coa caída do muro, o Concello puxo unha malla metálica, que é un exemplo de feísmo; esta é unha medida que tiña que ser provisional, para uns días, pero aí está o valo metálico dende hai dous anos”.

Os populares reciben numerosas queixas de veciños de Viveiro polo falta de reconstrución do muro. Rodríguez declara: “A xente é consciente de que o valo metálico co que se tapa o oco non serve para nada, porque apártase con facilidade e pódese entrar sen ningún problema”.

O PP anuncia a presentación dunha iniciativa plenaria para poñer esta deficiencia no debate municipal e intentar que o goberno local adopte dunha vez as medidas que xa debería ter adoptado para reparar o muro de peche do cemiterio municipal de Viveiro.

Exit mobile version