Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou na provincia 1,4 millóns de euros ao mantemento de servizos e programas de promoción da igualdade no último ano

Lugo, 6 de marzo de 2021. A Xunta de Galicia destinou máis de 1,4 millóns de euros no último ano ao desenvolvemento de programas e o mantemento de servizos de promoción da igualdade na provincia de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, destacou que o 8 de marzo é unha data para reflexionar e tomar conciencia “do que queda por facer para conseguir a igualdade real entre homes e mulleres”. Neste sentido, engadiu que rachar coa desigualdade “é un obxectivo transversal, no que traballamos cada día, xunto con institucións e entidades sociais para abordalo dende múltiples perspectivas”.

O orzamento da Secretaría Xeral da Igualdade -que depende da Consellería de Emprego e Igualdade- está distribuído entre achegas aos concellos (969.872 euros), entidades sociais (170.500 euros) e particulares (273.160 euros), e orientado tanto á prestación de servizos como a accións de sensibilización, fomento do emprego feminino ou incorporación de medidas de conciliación, entre outros aspectos.

No que respecta aos concellos, a maior contía -516.400 euros- destínase ao mantemento dos doce Centros de Información á Muller que atenden a 37 municipios da provincia. Proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, e orientación profesional e sociolaboral ás mulleres que poden estar sendo vítimas da violencia de xénero ou a outras mulleres que polas súas circunstancias demandan a súa atención. Igualmente, o Goberno galego financia con 403.500 euros programas de conciliación, e accións de sensibilización e prevención da violencia de xénero que desenvolven 44 concellos lucenses.

No caso concreto do municipio de Lugo, a Xunta achega ademais 50.000 euros a través dun convenio para colaborar no mantemento do centro de acollida para vítimas de violencia de xénero, de titularidade municipal e incluído na rede autonómica de centros de atención a mulleres.

A Secretaría Xeral da Igualdade mantén distintas liñas de colaboración cos axentes socioeconómicos con fin de chegar ao maior número de usuarias posible. Ao abeiro destes programas, financiou actividades de 14 asociacións de pais e nais de centros educativos da provincia (48.660 euros), asinou un convenio coa Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses para promover a inserción sociolaboral de mulleres que sofren violencia de xénero (62.160 euros), e outro coa Federación de Veciños Lucus Augusti no marco do programa de igualdade e loita contra a violencia de xénero no rural (30.000 euros). Así mesmo, apoiou a nove asociacións de mulleres da provincia para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres (25.700 euros), entre outros.

Polo que atinxe ás axudas a particulares, o programa Emega apoiou con 264.000 euros 32 iniciativas empresariais desenvolvidas por mulleres en Lugo, que supoñen a creación ou mantemento de 46 postos de traballo. Ademais, nove persoas resultaron beneficiarias das achegas por redución de xornada para a conciliación familiar.

Javier Arias afirmou que “o primeiro e máis urxente reto é rachar coa violencia de xénero, que é a máxima expresión da desigualdade”. Neste sentido, lamentou que “as especiais circunstancias deste último ano fan especialmente difícil a situación para as mulleres que son vítimas de violencia” e lembrou que a Xunta ten en marcha desde o inicio da pandemia un Plan de reforzo da atención das vítimas da violencia machista para garantir a súa seguridade durante o estado de alarma.

Exit mobile version