Site icon Crónica3.com A Mariña

“Anónimo era unha muller”, por Inés López Couto

O día internacional da muller é un día de reivindicación. Un día no que todas levantamos a voz para berrar que estamos aquí e que, coma na película Criadas e señoras, tentamos facerlle ver ao mundo a batalla que libramos na nosa vida cotiá e as dificultades que se cruzan no noso camiño tan só polo feito de ser muller.

Seguindo co fío das películas e, da antes nomeada en particular, na actualidade unha muller non quere mirar á súa filla e dicirlle “ti eres guapa, ti eres boa, ti eres importante”, quere que o mundo, a sociedade da que formamos parte, non lle faga pensar o contrario.

Se a comezos do mil novecentos as sufraxistas estaban mal vistas por reclamar un dereito fundamental como é o do voto, a comezos da década do dous mil vinte as mulleres seguen pelexando por dereitos coma o de conciliación laboral e familiar, etc., e aínda que dicir que están mal vistas sería esaxerar, non podemos afirmar que a loita sexa igualitaria, nin que non sufran agravios só polo feito de ser muller, citando a Edith Ellyn en Sufraxistas: O único camiño é avanzar.
Este ano que pasou trouxonos unha pandemia mundial e con ela o empeoramento das condicións de traballo e existencia femininos. Todas as profesións sufriron o azote desta pandemia, cada unha dun xeito diferente. E as mulleres seguiron á fronte de todo tipo de coidados (dende sanitarios a administrativos), xa que como dixo Betty Friedan “O peor inimigo das mulleres é a súa abnegación” ou que simplemente a muller fixo o traballo que o home lle impuxo, abnegada ou non, un traballo que foi invisible, anónimo, en palabras de Virginia Woolf “na maior parte da historia Anónimo era unha muller”.

Tendo que poñer o foco en todas, gustaríame facer unha especial mención ao colectivo donde exerzo a miña profesión. Asesorías, xestorías, despachos profesionais donde se realizan trámites de todo tipo, que achegan a todos os cidadáns a tramitación de procedementos burocráticos coas administracións.

Nun ano tan difícil, cheo de cambios normativos a analizar en cuestión de horas, de necesidades resolutivas e rapidez para poder acceder a axudas, subsidios, subvencións…as profesionais (auxiliares administrativas, administrativas, contables, graduadas sociais, avogadas, xestoras administrativas, economistas e todas as traballadoras do sector que superan amplamente máis do 50%) puxeron todo o seu esforzo para axudar a combater a pandemia desde o seu posto de traballo. Cun papel indispensable tanto para os cidadáns coma para as administracións, o seu foi un traballo silencioso e pouco recoñecido, nun ano coma este, dun incremento de volume de tramitacións complicado de asumir.

Vaia por todas as miñas compañeiras este recoñecemento desde aquí, porque sen vós todo sería un chisco máis difícil. Grazas por poñer o voso montón de area (porque foron moitos grans). Por deixarvos a pel, os nervios e a vista diante do ordenador e co teléfono na orella.
Seguiremos loitando por todas, cada día.
Grazas a todas pola loita.

Inés López Couto
Economista e Tenente Alcalde do Concello de Foz

Exit mobile version