Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado de forma inicial o Plan Básico Municipal do Concello de Trabada

Trabada, 24 de marzo de 2021. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou hoxe inicialmente o Plan Básico Municipal (PBM) de Trabada, que se converte deste xeito no terceiro concello da provincia de Lugo e no quinto de Galicia que supera este trámite e segue avanzando para dotarse dun novo instrumento de ordenación, previsto na Lei do solo de 2016.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Trabada, Mayra García, para notificarlle a sinatura da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Cómpre lembrar que para axudar e motivar a estes municipios a tramitar un plan básico, a Xunta decidiu asumir directamente a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus respectivos PBM (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río e Trabada).

Deste primeiro grupo de municipios, Trabada é o terceiro que acada a aprobación inicial da Xunta na provincia de Lugo e o quinto de Galicia (despois do Páramo, Triacastela, San Xoán de Río e Cartelle), dando así un paso importante de cara a poder dotarse dun marco propio en materia urbanística.

Clasificación de solo urbano e núcleos rurais
Este PBM clasifica como solo urbano o núcleo de Trabada, que ostenta a capitalidade do concello ademais de ser o principal e máis poboado, onde se sitúa a casa consistorial así como outros edificios administrativos e de servizos, con tecido de malla urbana e que cumpre cos criterios legais esixidos na Lei do solo para o solo urbano.

Tamén delimita 53 núcleos rurais dun total de 133 asentamentos de poboación identificados polo Plan Básico Autonómico, polo que 73 destes asentamentos quedan en solo rústico ao non preverse o seu crecemento, primando a rehabilitación das edificacións existentes.

O plan aprobado hoxe inicialmente tamén recolle as dotacións existentes no termo municipal e, ademais, identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural de Trabada.

Concretamente, no documento catalóganse 21 elementos arqueolóxicos, 24 de tipo arqueolóxico, 14 etnográficos, 1 territorio histórico e 1 artístico.

Unha década a prol do urbanismo responsable
A tramitación dos primeiros Plans Básicos Municipais enmárcase no esforzo realizado na última década pola Xunta para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.

Desde o ano 2009 aprobáronse instrumentos normativos e medidas para cumprir este reto, como as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a Estratexia da paisaxe galega ou o Plan básico autonómico; e dotouse á Comunidade dunha nova Lei do solo e, máis recentemente, da Lei de ordenación do territorio.

Así mesmo, a Xunta tamén apoia técnica e economicamente aos concellos que apostan por redactar un plan xeral de ordenación municipal, polo que no ano 2021 disporá de 3,2 millóns de euros en axudas aos concellos que redacten o seu propio PXOM e seguir incrementando así a lista de 108 municipios que dispoñen nestes momentos dun planeamento adaptado á normativa vixente.

Neste sentido, seguirase avanzando tamén na tramitación dos outros plans básicos municipais que xa superaron o trámite ambiental co obxectivo de que poidan ser aprobados inicialmente o antes posible, unha situación na que estarían Ribeira de Piquín e Riotorto (provincia de Lugo) e Padrenda e Porqueira (Ourense).

De igual xeito, nun segundo grupo de nove concellos con menos de 5.000 habitantes (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) estanse a realizar xa os traballos técnicos para a obtención da súa cartografía, paso previo á redacción dos seus PBM, polo que se agarda que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo.

Exit mobile version