Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro salienta que a Xunta xa mobilizou máis de 77 millóns de euros en axudas directas ao sector marítimo-pesqueiro para compensar os efectos da pandemia

Santiago, 2 de marzo de 2021. O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro asegurou hoxe no Parlamento que a Xunta “xa puxo a disposición dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro unha inxección de máis de 77 millóns de euros en apoios exclusivos e directos para compensar os efectos da pandemia”.

En concreto, explicou que a Consellería do Mar articulou estes apoios a través do Plan Avantemar, xa en marcha desde o pasado mes de xuño. En concreto, materializouse en distintas ordes de axudas que beneficiaron ás entidades xestoras das lonxas e a profesionais como as redeiras, as mariscadoras a pé e tamén para os buques de pesca que, a pesar de seguir traballando por ser considerados unha actividade esencial, sufriron perdas.

CLAMOROSA AUSENCIA DE AXUDAS DO GOBERNO CENTRAL

Balseiro contrastou o esforzo en mobilización de recursos feito polo Goberno galego coa “clamorosa ausencia de axudas” do Goberno central para estes mesmos sectores. Así, acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de “deixar tirado e á súa sorte ao sector pesqueiro galego en plena crise sanitaria” e lamentou que, ante esta realidade, o PSOE galego “estea mudo e sexa incapaz de esixir apoios estatais equivalentes aos mobilizados pola Xunta”

No caso específico das lonxas e establecementos autorizados pola Consellería do Mar para a primeira venda dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura, Balseiro explicou que dispuxeron de axudas por valor de 600.000 euros, financiadas na súa totalidade con cargo ao orzamento da Xunta. “De feito, esta orde resolveuse o 28 de agosto de 2020, beneficiando a 44 entidades xestoras de lonxa galegas e realizando o pago no mes de outubro”, engadiu.

CAMPAÑAS DE FOMENTO DE CONSUMO

Por outra banda, a Xunta foi a única administración que promoveu unha campaña específica dirixida a animar á cidadanía a consumir produtos do mar e, ademais, agradeceu o esforzo e a entrega dos mariñeiros galegos durante estes meses de pandemia nos que non existiu desabastecemento nos mercados.

José Manuel Balseiro referiuse ás campañas Estamos todos no mesmo barco e Vai de peixe, a través das que a Xunta difundiu e promocinou o consumo de produtos do mar, adaptando o seu formato ás circunstancias derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus e empregando na súa difusión a personaxes famosos de referencia para este colectivo de idade máis nova.

Exit mobile version