Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela fomenta a cooperación e integración nos menores

Burela, 17 de marzo de 2021. A Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración organiza actividades para fomentar a sensibilización nos menores. Van dar comezo mañá, 18 de marzo e seguirán a vindeira semana.

A edil Noelia Mª Ben explicou que “programamos charlas de sensibilización e motivación para a mellora de aspectos socioeducativos destinadas ao alumnado de 5º de educación primaria e 2º de educación secundaria dos colexios e institutos de Burela. Estas charlas co alumnado comezan o 18 de marzo no IES Monte Castelo e serán impartidas pola pedagoga Kateline de Jesús Brito Tavares, ex-alumna deste IES e desenvolveranse nos catro centros educativos de Burela”.

A concelleira de Inmigración, Cooperación e Integración agradécelle á pedagoga “a súa implicación e colaboración desinteresada coas actuacións que se desenvolven dende o Programa de Integración a Inmigrantes”.

Noelia Mª Ben contou que “tamén organizamos a Ocainmigrante para o alumnado de 3º e 4º de primaria dos Ceips municipais, Vista Alegre e Virxe do Carme, coa colaboración da Aula de Medio Ambiente Gaia o día 24 e 25 de marzo. Con esta actividade queremos sensibilizar aos máis novos sobre esta temática e ensinarlles a ver o mundo dende outra perspectiva, así como facelos conscientes das necesidades existentes no mundo que nos rodea. Mediante distintas probas van coñecendo aspectos como o racismo, a inseguridade e o desamparo, a acollida, a pobreza, a tolerancia e o respecto, as guerras, a marxinación, os malos salarios, o rexeitamento, a integración, a inxustiza…”.

Exit mobile version