Site icon Crónica3.com A Mariña

CCHV e Xunta de confrarías colaboran para render homenaxe á Semana Santa de Viveiro

Viveiro, 28 de marzo, 2021. Por segundo ano consecutivo, a Semana Santa non se poderá celebrar como en anos anteriores, por ese motivo ponse en marcha unha iniciativa que nos lembre o importante que é para o comercio e a hostalería esa semana do ano. Tamén para render homenaxe aos centos de persoas que ano tras ano traballan desinteresadamente na organización da mesma.

En colaboración coa Xunta de Confrarías, colocouse nos escaparates dos comercios distinto material cedido por todas as Confrarías e Irmandades, que nos fará vivir a Semana Santa na rúa, pero vista doutro xeito.

Son numerosos os comercios que se uniron á iniciativa, cedendo desde escaparates completos, a balcóns, e mesmo a hostalería colgando carteis e cadros con fotos da Semana Santa de anos anteriores.

Serán un total de 42 negocios os que lucirán, dun modo ou outro, o fermoso patrimonio da nosa Semana Santa.

Nos escaparates completos loce unha parte do valioso patrimonio cedido polas distintas confrarías, Venerable Orde Terceira Franciscana (Viajes Eroski, Futures e antiguo local de deportes Cota) Cofradía de Nuestra Sra. Del Santísimo Rosario (Nácar e Administración de Loterías nº1), Cofradía del Santísimo Cristo de la Piedad (Carlos Fotógrafos e Casa Chao), Hermandad del Prendimiento (Farmacia Sara Varela e África Copias), Hermandad de las Siete Palabras (Kerale Moda e Fontana), Hermandad de Mujeres de la Santa Cruz (Cocolatte e Peluquería Raquel González), Cofradía O Nazareno dos de Fora (Farmacia Dolores Casariego), e Cofradía de la Misericordia (Librería Santiago e Lencería Canela), e unha representación de todas as Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Viveiro no escaparate de Tecidos Rogelio.

No resto de escaparates locen mostras dos hábitos das distintas Confrarías e Irmandades e nos balcóns mostras dos reposteiros que ano tras ano engalanan as rúas de Viveiro na Semana da Paixón.

Desde o CCHV convidamos a vivarienses e visitantes da Comunidade galega (que é o permitido no nivel de restricións nas que nos atopamos) a percorrer as rúas de Viveiro e gozar do valioso patrimonio que adorna estes días os nosos escaparates e as nosas rúas e que nos farán vivir o sentir dun pobo dunha maneira distinta.

Exit mobile version