Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebración dos Días Mundiais da Auga e da Árbore en Burela

Burela, 22 de marzo de 2021. Hoxe celébrase o Día Mundial da Auga, como medio para chamar a atención sobre a importancia da auga doce e a defensa da súa xestión sostible. O lema deste ano é “Valoremos a auga”, xa que a forma na que a valoremos vai determinar como a xestionemos e compartamos.

Para celebrar dita efeméride a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, repartiu aos alumnos e alumnas de 6° de Primaria dos CEIPS de Burela e aos de 1° do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental un libro sobre a auga, a súa importancia, propiedades, como facer un uso sostible dela….e recordoulles “o privilexio que temos de conseguir auga potable con só abrir a billa, e a importancia de facer un uso sostible dela, sen despilfarrala”.

Tamén desde a Aula Gaia, do Concello de Burela, conmemorou este día cos alumnos de Infantil do CEIP Virxe do Carme, onde a través de debuxos animados aprenderon a aforrar auga.

Hoxe, luns, no Concello burelés celebraron o Día da Árbore, plantando diferentes árbores ou plantas nos CEIPs de Burela, na asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña e nas escolas infantís.

A edil de Medio Ambiente explicou que “como xa vén sendo costume nos CEIPs e na asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña fixemos o xogo Adiviña que árbore é, e durante catro días fomos dando pistas sobre unha árbore que tiñan que adiviñar. No caso dos CEIPs o curso que foi o primeiro en adiviñar de que árbore estabamos a falar plantou unha árbore no cole, e no caso da asociación foi o usuario que antes adiviñou o que tivo ese privilexio. Nas escolas infantís non fixemos o xogo, dado que aínda son moi pequerrechos, pero si puideron disfrutar axudando a plantar unha árbore”.

Participaron nas plantacións o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, xunto con persoal de xardinería e as monitoras de Gaia. Tamén están a participar neste xogo proposto para o Día da Árbore os usuarios de Eu Son, que plantarán este venres unha árbore.

Exit mobile version