Site icon Crónica3.com A Mariña

Comunicado dos socialistas da Fonsagrada sobre a cesión do pavillón I.E.S Fontem Albei

A Fonsagrada, 5 de marzo de 2021. Comunicado do PSdeG da Fonsagrada a raíz da publicación por redes sociais do PP en relación á negativa da Xunta sobre a cesión do pavillón do I.E.S Fontem Albei.

Para finalizar cunha polémica que non é tal, e que parece que o Partido Popular da Fonsagrada quere alimentar polo seu medio para facer oposición, que non é outro que a rede social Facebook, dende o Partido Socialista publicamos unha nota aclaratoria sobre os puntos que o PP afirma na súa publicación.

1.É unha estupenda nova que, tras máis de 20 anos de abandono e deixadez nun edificio público pertencente á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia e que propiciou que as aulas de Educación Física do Instituto de Ensino Secundario da Fonsagrada se teñan que levar a cabo, case na súa totalidade, nas instalación municipais, a raíz dunha petición para a súa cesión a Xunta de Galicia e o Partido Popular se acorden de reformalo dunha vez por todas. Se este foi o efecto que conseguiu a petición de cesión do Concello da Fonsagrada, benvido sexa e, dende logo, que será xa un éxito a mesma.

2.No IES Fontem Albei da Fonsagrada, como ben saben os veciños e tamén a Xunta de Galicia, non se conta con ningún Ciclo de Grado Medio ou Superior (Módulos de Formación Profesional). Porén, dende a Delegación Territorial da Xunta, encabezada polo Delegado Territorial da Xunta na Provincia, Javier Arias, do Partido Popular, denegan a cesión desta instalación alegando que será empregada para “prácticas de ciclos formativos de FP”. O que non sabemos e se, a Xunta, tras denegar no pasado sendas peticións por parte do Concello da Fonsagrada e os socialistas para a implantación de módulos de F.P. na vila rectificou agora ou se soamente é un canto ao sol. Se é o primeiro, novamente, será un éxito que poderá supor un importante empurrón para A Fonsagrada e, polo tanto, como aclaramos no primeiro punto, non será máis que un éxito o pedir a devandita cesión para accionar este cambio.

3.Recomendámoslle ao Delegado, Javier Arias e tamén, por extensión, ao Partido Popular da Fonsagrada e ao Sr. Regueiro que finalicen a súa estratexia de crear polémicas mediante o uso de “medias verdades” nas redes sociais. Como é habitual, o PP está a empregar fases ambiguas e, en moitos casos, falsas, a sabéndoas de que o son, para atacar ao Concello da Fonsagrada. Mostra disto foi o feito de que hai uns días, nunha publicación en Facebook do PP, se expuxese que os Presupostos presentados polo Grupo Socialista e que foron rexeitados por eles aportaban unha partida de 1 millón de euros en “varios” e que esixían transparencia, cando anteriormente no Pleno no que se discutía a súa aprobación o Sr Regueiro e o resto de Concelleiros do PP foron informados, como ben se detalla nos devanditos presupostos, de que esa partida ía destinada a cubrir os salarios do persoal que traballa para o Concello da Fonsagrada e que sinalaran, se lles parecía oportuno, de cales deses traballos crían que se debería prescindir para rebaixar esa partida. Pois ben, volven a empregar a mesma táctica de engano ao afirmar que “non é normal anunciar un proxecto cando non se ten pechada a localización” cando o Sr Regueiro, no mesmo pleno, xa realizou a mesma afirmación e foi emprazado polo Sr. Alcalde a que revisara e lera o Plan Único da Deputación antes de criticar unha decisión, pois o emprazamento das pistas de pádel era outro diferente ao pavillón do IES, nuns terreos propiedade do Concello, e que mediante esta solicitude de cesión o único que se pretendía era, á súa vez, dar uso a infraestrutura abandonada e ao borde da ruína arquitectónica e abaratar o custo que suporía ter que crear unha nova instalación para cubrir as pistas de pádel. Como se pode comprobar, na súa publicación, a sabéndoas disto, obvian a información que non lles parece oportuna para xerar polémica.

4.Quizais o que para o noso entender é máis grave, e que o Partido Popular e a Xunta de Galicia parecen facer entender que os habitantes do Concello da Fonsagrada son cidadáns de segunda e que, se queren unas instalación novas para a práctica do pádel, deberían renunciar ás actividades que se desenvolven a día de hoxe no pavillón municipal (que son moitas, e moi diversas), pavillón que foi reformado pola Deputación de Lugo, sendo Presidente José Ramón Gómez Besteiro, cun importe superior aos 150.000 euros hai menos de 10 anos. É dicir, A xunta, que ten unha estrutura nunhas condicións deplorables, insta ao Concello da Fonsagrada a prescindir duns servizos nun edifico practicamente novo para poder obter un novo servicio para os seus veciños. Parécenos verdadeiramente lamentable e denigrante, como pouco. Polo que pedimos que, polo menos neste punto, o Delegado Territorial da Xunta na Provincia, Javier Arias e o PP se retracten das súas palabras, porque deixan entrever un sentimento de vaidade, arrogancia e falta de coidado co pobo da Fonsagrada que non se debe nin pode permitir.

5.Para finalizar, non escusa sequera comentar o ridícula que nos parece a frase de Javier Arias respecto a que non se poden ceder espazos en tempos de Covid, xa que, a piques de rematar este ano escolar 20/21, se esa fora a preocupación da Xunta no IES da Fonsagrada, xa se tería remodelado a súa infraestrutura para atacar os problemas organizativos derivados da pandemia. Unha mágoa que só o acorden agora e que tivera que ser o Concello o que os resolvera por medio da cesión do uso do Pavillón Municipal ao Instituto para a realización das súas actividades.

Finalmente, dende a Agrupación Socialista da Fonsagrada queremos acabar xa coa polémica. Unha polémica que non debera ser tal e menos tratada por redes sociais empregando unha linguaxe curta, pragada de medias verdades e con afirmacións enganosas. Como servidores do pobo da Fonsagrada que somos, creo que o feito de haber sido elixidos por todos os nosos veciños nos obriga a gardar unas formas e un nivel que non é o da discusión por redes sociais como se isto fora a barra de un bar. Nestes tempos, é cando os cargos públicos debemos ter a altura moral e de miras que se nos presupón cando nos presentamos e somos elixidos para certos deberes.

Exit mobile version