Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello laranxa en homenaxe ao fútbol sala local

Burela, 11 de marzo de 2021. Recepción no Concello ao Burela FS en recoñecemento aos éxitos conseguidos polos equipos masculino e feminino. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, agradeceu o traballo realizado e tamén a promoción que isto supón para o municipio.

O edil burelés relatou que “no día de hoxe tivemos unha recepción no Concello que fora aprazada, derivada da situación sanitaria da pandemia que estamos a vivir e que non nos permitía facer este tipo de actos. Hoxe as medidas de loita contra o covid19 están máis relaxadas e decidimos, xunto co Burela FS Pescados Rubén, facer a recepción aos equipos tanto masculino como feminino”.

Fernández Rey dixo que “o obxectivo era facerlles un recoñecemento e darlles un pequeno detalle polos éxitos conseguidos non hai moitas datas tanto as rapazas como os rapaces. O equipo feminino proclamouse campión da Super Copa de España e da Copa da Raíña e eles quedaron campións da Copa Xunta”.

O concelleiro de Deportes subliñou que “como sempre facemos desde o Concello tentamos recoñecer os méritos dos deportistas locais neste caso, como non pode ser doutra maneira o Burela FS, que é o buque insignia de deporte burelés. É un equipo do que estamos moi agradecidos de todo o traballo que levan a cabo e de todos os éxitos que están conseguindo e que están poñendo a Burela no mapa nacional e internacional”.

Ramiro Fernández engadiu: “como ben digo é un acto que tiñamos aprazado desde hai unhas datas, hoxe levámolo a cabo e reiterar que estamos moi agradecidos do traballo tanto da directiva como do club en xeral por todo o traballo que fan a prol de Burela e qué menos que recoñecer ese traballo”.

Exit mobile version