Site icon Crónica3.com A Mariña

Curso de instalación de placas de xeso laminado no CIFP Porta da Auga de Ribadeo

Ribadeo, 17 de marzo de 2021. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, acolle unha actividade formativa sobre a instalación de placas de xeso laminado para o alumnado do Ciclo de Obras de Interior. Está impartida por un monitor da empresa Placo, que se desprazou desde Madrid para ensinar aos alumnos novidades na instalación deste material durante tres días: onte, hoxe e mañá, xoves.

O xefe do Departamento de Edificación e Obra Civil no CIFP Porta da Auga, José Méndez de Andés, explica que “no Ciclo de Obras de Interior estamos cunha formación que imparte a empresa Placo, pertencente a grupo internacional Saint-Gobain, que ten un convenio co Ministerio de Educación para dar formación nos centros que teñen este tipo de ensino relacionado con cartón-xeso. Aquí están 3 días: onte, hoxe e mañá, xoves; e están presentando todo o relacionado con trasdosados de cartón-xeso, aplacados, tabiques autoportantes, semiplacados, … E traen como novidade un sistema de aplacado exterior para edificación, que acaban de sacar ao mercado e que se chama Placotherm. É un sistema para aplacar as fachadas que está ben para esta zona norte na que vivimos porque é unha fachada ventilada que mellora o illamento acústico e térmico da vivenda, absorbe humidades e condensacións, que son uns dos problemas principais que temos aquí. Permite renovar o exterior dos edificios cambiando as cores e o aspecto xeral dos edificios. É un material novo e por iso é moi interesante que o presenten aquí para que os nosos alumnos saiban que existen este tipo de produtos e como se instalan”.

José Méndez de Andés destaca “a axuda desta empresa, á que temos que agradecerlle o ben que se está portando con nós, dándonos materiais, ferramentas e tamén uniformes para os alumnos. Entón cremos que aparte da formación en si, que imparte un monitor que se desprazou desde Madrid para levar a cabo esta actividade aquí, a empresa Placo está axudándonos moito”.

Exit mobile version