Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres remata o prazo para participar no concurso fotográfico do Día do Pai de Acisa

Ribadeo, 15 de marzo de 2021. Acisa Ribadeo convoca a XI edición do Concurso Fotográfico Día do Pai. A presentación de traballos poderá facerse ata o 19 deste mes. As imaxes deberanse subir á páxina de facebook da asociación. Desde Acisa lembran que as fotos deben tomarse nos negocios asociados.

As bases do concurso recollen que as fotos presentadas non puideron ser publicadas previamente en revistas, xornais, libros impresos ou sistemas online. Tampouco puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico. As imaxes elixidas deben ter unha resolución 2MPX (1920X1080) para a súa posterior impresión e exposición. As instantáneas deberán ser tomadas nun establecemento asociado a Acisa Ribadeo, buscando unha simbiose entre a relación pai e fillo e o feito de mercar no comercio local. E sempre que sexa posible deberá indicarse o nome do establecemento onde se fai a fotografía.

Os traballos deberanse subir á páxina de facebook de Acisa. O prazo de presentación de fotografías rematará ás 23:59 horas do día 19 de marzo e ata esa data terá lugar a votación popular. A publicación oficial do fallo realizarase o 22 de marzo.

O primeiro premio será unha cámara fotográfica FHD HDR-AS50B Black Sony valorada en 250 euros. Os segundo e terceiro premios serán 60 e 40 euros, respectivamente, en vales de compra de Acisa. As fotografías premiadas e presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión da asociación, co único obxectivo de promocionar a fase participativa do concurso.

Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, anima a participar nesta tradicional cita: “o máis importante desta edición son os cambios dos premios e que as fotografías teñen que facerse nos negocios asociados, xa que a idea é darlles visibilidade. Queremos animar á xente a facer nas tendas unha foto, aproveitando a compra que acabamos de realizar e tendo en conta as bases do concurso”.

E o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, subliña que “si as fotos que nos envían non están feitas en negocios asociados, por moitos votos que reciban, non poderán optar aos premios do concurso. O fundamental na edición de 2021 é que esas imaxes teñen que ter coma escenario comercios asociados a Acisa”.

Exit mobile version