Site icon Crónica3.com A Mariña

Ethel Vázquez apunta a preocupación pola falta de avances na autovía da Mariña e no estado do firme da N-634

Lugo, 17 de marzo de 2021. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu hoxe que a Xunta demandará un compromiso do Goberno de España coas autovías estatais pendentes en Lugo e unha conexión “sen recortes” coa alta velocidade ferroviaria.

Así o trasladou hoxe Vázquez Mourelle antes da súa xuntanza con representantes da Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer) e da Asociación de Empresarios de Transportes Discrecionais de Lugo (Tradime), cos que mantivo un encontro de traballo na cidade de Lugo. Na reunión tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade manifestou que a Xunta incrementou desde o 2009 máis dun 60% a extensión da rede de vías de alta capacidade de titularidade autonómica, con 50 novos km libres de peaxe en servizo na provincia de Lugo.

Destacou que actualmente o Goberno galego está a executar as obras da primeira fase da autovía Lugo-Sarria, que supón un investimento de máis de 25 M€ para desdobrar o treito de corredor entre A Pobra e Sarria, co obxectivo de que estea rematado xa no outono do vindeiro ano. Engadiu que este mesmo ano se licitará a redacción do proxecto do treito restante para completar a autovía ata Lugo.

Afirmou que o traballo da Xunta tamén inclúe a defensa ante o Goberno de España do impulso das infraestruturas de titularidade estatal necesarias para o progreso desta provincia. A este respecto, lembrou como na xuntanza da pasada semana entre o presidente da Xunta e o ministro de Transportes, anticipouse a preocupación por asuntos que o Goberno galego agarda poder abordar en detalle na vindeira reunión prevista para abril.

A conselleira compartiu co sector a inquedanza da Xunta pola falta de avances nas infraestruturas viarias imprescindibles para Lugo. En concreto, falou da Autovía Lugo-Santiago, onde o ritmo de execución vai impedir atender a demanda da Xunta de que se rematen as obras neste ano 2021, a pesar de ser unha actuación que empezou a executarse hai 22 anos.

Referiuse á Autovía Lugo-Ourense, co intercambiador de Guntín, da que dixo “non hai absolutamente ningunha previsión de avance para os vindeiros exercicios, a pesar de ser esencial para as dúas provincias e unha demanda reiterada de Galicia”.

Manifestou a preocupación, ademais, pola Autovía da Mariña, onde estaba comprometido o impulso do treito Foz-Barreiros sen que iso se reflictan nin en novos pasos administrativos nin nos Presupostos.

Tamén se trasladou na reunión a inquedanza polo estado do firme da Autovía A-6 e do resto de estradas nacionais, como a N-634 en Mondoñedo, pola que se circula cando pecha a A-8 para garantir a seguridade do transporte.

Á marxe do transporte por estrada, na xuntanza da pasada semana en Madrid a Xunta puxo de manifesto a preocupación polo incumprimento dos compromisos coa chegada da alta velocidade ferroviaria a Lugo.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta non renuncia nin acepta unha rebaixa das condicións que agora se presentan para o ferrocarril de Lugo, polo que tal e como dixo: “o Goberno galego vai demandar que se cumpran os compromisos adquiridos e se dote esta provincia dunha conexión coa alta velocidade ferroviaria sen recortes e que garanta unha conexión competitiva e rápida con Madrid”.

A conselleira abundou no compromiso de investimento de 1.000M€, para a conexión de Lugo co AVE, cunha 1ª fase que culminaría neste ano 2021, reducindo o tempo de viaxe con Madrid ao entorno das 4 horas. E incidiu que en 2021 practicamente ningunha das obras comprometidas están iniciadas e aínda se está a licitar os contratos, o que demora ata o ano 2024, como pronto, o remate da primeira fase da modernización do ferrocarril a Lugo.

Tamén, puxo o acento na aínda máis preocupante redución do investimento á metade, e que se descarten as variantes de trazado que se prevía executar na segunda fase, “o que na práctica quere dicir que o Goberno de España semella renunciar a conectar a provincia de Lugo coa alta velocidade” lamentou.

Diálogo permanente co sector
A xuntanza celebrada hoxe en Lugo enmárcase no diálogo permanente do departamento que dirixe Ethel Vázquez cun sector fundamental para a economía, para o emprego e o funcionamento da sociedade.

A conselleira salientou que a Xunta, consciente da importancia e do valor social do transporte de mercadorías, segue traballando para intentar que poidan desenvolver ese labor nas mellores condicións. Con ese obxectivo, o pasado ano o departamento de Infraestruturas e Mobilidade puxo en marcha o Observatorio do Transporte de Mercadorías de Galicia, como unha ferramenta para calcular os custos de funcionamento desta actividade, e hoxe abordáronse as impresións do sector ao respecto.

No encontro tamén se informou da apertura, o pasado 11 de marzo, do prazo para que as entidades de transporte por estrada soliciten as axudas para a formación, ás que este ano a Xunta destina 400.000. O pasado ano, estas axudas permitiron a realización de máis de 1.100 actividades formativas das que se beneficiaron máis de 11.300 profesionais.

Exit mobile version