Site icon Crónica3.com A Mariña

Inaugurada en Ribadeo, na praza 8 de marzo, a escultura Son o poder dentro de min, en homenaxe á muller

Ribadeo, 6 de marzo de 2021. A escultura Son o poder dentro de min, en homenaxe á muller, foi inaugurada este mediodía na Praza 8 de Marzo. Deseñada pola artista Ana Vidal Suárez foi realizada polos Ferreiros de Mazonovo. Este é un dos actos organizados pola Concellaría de Igualdade para conmemorar o Día Internacional das Mulleres.

Profesores da Escola Municipal de Música e Danza interpretaron tres pezas no acto desta mañá no que Ana Vidal explicou a idea e o significado do deseño desta escultura e os Ferreiros de Mazonovo referíronse ao proceso de creación. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, na súa intervención dixo que “é unha escultura en homenaxe a todas as mulleres do Concello, ás novas, ás adultas e ás maiores. Todas elas son dignas de ter unha figura que as represente. Porque como reza o titulo da escultura Son o poder dentro de min, as mulleres somos poderosas. Facemos sen ser conscientes do que somos capaces, dobre, triplas xornadas laborais, criamos solas ás veces, enfrontámonos a aqueles que nos queren limitar polo simple feito de sermos mulleres. Loitamos no día a día contra o patriarcado que se resiste a que formemos esa sociedade igualitaria”.

A edil ribadense sinalou que “temos moito máis poder do que pensamos ou ás veces do que nós cremos, porque o noso poder a maioría das veces está invisibilizado e devaluado. Dende a Concellaría de igualdade levamos anos intentando poñelo en valor e damos un paso máis na feminización de espazos da vila, despois dos rueiros, de darlles nomes de mulleres a aulas dos Centros de Primaria e agora coa visibilización de figuras femininas ou de mulleres”.

Álvarez Lastra tamén se referiu ao momento polo que atravesa a cultura e as relacións entre Asturias e Galicia: “tamén queríamos amosar o noso apoio con este pequeno signo á cultura, un sector moi castigado nestes momentos e moi necesario para sobrevivir tanto como pobo como persoas.Se algo tiña claro desde o principio é que debía ser unha muller a que deseñara ou creara a obra. Non podía ser doutra maneira. Cando Ana me presentou o bocexo da obra e a idea de facela en ferro mesturando así as diferentes artes e poñendo en valor o tradicional non puiden resistirme. E ademais, queríamos rachar esas fronteiras que nunca existiron coas vilas limítrofes de Asturias, agás neste último ano coas que nos obriga a pandemia, porque queremos que en Ribadeo tamén haxa esa irmandade entre culturas como a que existe na realidade desta vila entre Galicia e Asturias”.

A Concellaría de Igualdade desenvolverá ao longo deste mes diferentes iniciativas como talleres nos centros educativos de Secundaria e a creación do Espazo de autocoidados en tempos de pandemia, que ten como obxectivo fomentar o empoderamento e a autoestima das mulleres adultas. Será dinamizado pola psicóloga Marina López de Prado en sesións reducidas de 5 persoas. Levaranse a cabo 10 sesións dunha duración de 1 hora e 30 minutos. O prazo para inscribirse finaliza o vindeiro venres, 12 de marzo, e actividade comezará o 16 deste mes.

Exit mobile version