Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez defende a igualdade efectiva entre homes e mulleres tamén nas administracións públicas

Lugo, 6 de marzo de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, defendeu hoxe a igualdade efectiva entre homes e mulleres tamén nas administración públicas e explicou que, con ese obxectivo, o Executivo de Pedro Sánchez acaba de poñer en marcha o III Plan para a Igualdade de Xénero na Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos.

Isabel Rodríguez sostén que as administración públicas teñen a obriga de estar á vangarda da loita pola igualdade e de servir de exemplo para o conxunto da sociedade. Por este motivo, o Goberno aprobou en decembro un plan, elaborado polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, que ten o obxectivo de erradicar calquera tipo de discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo na Administración Xeral do Estado e, ademais, pretende ser un referente para a implementación de medidas coa mesma finalidade noutro tipo de organizacións, públicas ou privadas.

Rodríguez anunciou que a Subdelegación do Goberno súmase, tamén este ano, á celebración do 8M, o Día Internacional da Muller, con iniciativas a prol da igualdade como a colocación dunha pancarta institucional pendurada, desde o pasado luns, na balconada da Subdelegación do Goberno para sensibilizar á cidadanía e expresar o compromiso do Executivo coa defensa dos dereitos das mulleres.

Ademais, a Subdelegación leva a cabo outro tipo de iniciativas como a difusión do III Plan para a Igualdade de Xénero na Administración Xeral do Estado e os seus Organismos Públicos. Neste sentido, Rodríguez informou de que a unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación, que dirixe María Luisa Castro, elaborou un díptico explicativo deste Plan para a Igualdade que se vai difundir o vindeiro luns a todos os organismos da Administración Xeral do Estado na provincia de Lugo, así como entre todo o persoal da Subdelegación do Goberno, aos concellos e os seus servizos sociais, así como aos Centros de Información da Muller e a asociacións e colectivos da provincia que traballan con mulleres.

Isabel Rodríguez destacou que para facer efectivo este plan e lograr que sexa un éxito é necesario que dalo a coñecer debidamente e que conte coa colaboración de todo o persoal da Administración Xeral do Estado.

Este III Plan para a Igualdade de Xénerao consta de seis eixos de actuación e 68 medidas transversais que abranguen desde a formación ata a creación do Distintivo “Igualdade no Emprego Público”. Tamén se estudará a fenda salarial e o teito de cristal e está prevista a elaboración dun novo protocolo de actuación contra o acoso sexual, entre outras medidas.

Exit mobile version