Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 400.000€ para axudas á rehabilitación de vivendas nas ARI de Rinlo e do casco histórico de Ribadeo

Ribadeo, a 20 de marzo de 2021. O voceiro popular de Ribadeo, Daniel Vega, recorda que hai máis de 400.000 euros dispoñibles para a concesión de novas axudas para a rehabilitación de vivendas nas áreas de rehabilitación integral (ARI) declaradas no termo municipal de Ribadeo: a do núcleo de Rinlo e a do casco histórico da vila de Ribadeo.

Os propietarios dalgunha das 311 vivendas situadas na ARI de Rinlo aínda están a tempo de beneficiarse dos 138.000 euros dispoñibles nos convenios para acometer obras de rehabilitación. No caso dos propietarios dalgunha das 860 vivendas da ARI do casco histórico ribadense, poden solicitar axudas dos últimos convenios para as que hai un crédito dispoñible de 276.500 euros.

Son cinco os convenios pechados na ARI do núcleo de Rinlo dende a súa declaración no ano 2009 cos que se teñen certificado máis de 460.000 euros en axudas entre a Xunta e o Ministerio. As axudas achegadas por ambas administracións para a ARI do casco histórico de Ribadeo dende a súa declaración no ano 2001 ascenden a máis de 2 millóns de euros nun total de 12 convenios pechados.

Novas axudas da Xunta á rehabilitación de vivendas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou tralo Consello da Xunta deste xoves da posta en marcha de diversas axudas á rehabilitación, por un importe de máis de 12 millóns de euros.

O vindeiro luns convocaranse, entre outras, as axudas do programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade de vivendas (para apoiar melloras na cimentación, na estrutura, nas cubertas, nas fachadas ou nas medianeiras; así como melloras na accesibilidade, a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou calquera elemento que facilite a accesibilidade). O prazo para solicitar estas axudas estenderase ata o 30 de novembro.

Tamén se activará o programa de fomento e rexeneración urbana nas tres áreas de rehabilitación integral (ARI) supramunicipais. Unha destas que xestiona directamente o Goberno galego é a ARI do Camiño de Santiago integrada por 126 concellos entre os que se atopa Ribadeo. Neste caso, apoiaranse actuacións de mantemento nas vivendas e edificios e obras de demolición e obras de nova construción e os beneficiarios poderán presentar a solicitude ata o 30 de setembro.

Exit mobile version