Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro defende a apertura ao tráfico comercial do dique norte de Morás e a creación da Autoridade Portuaria

Viveiro, 29 de marzo, 2021. A creación da Provincia Marítima de Lugo no decreto 432/2002, de 10 de maio, foi fundamental para a estrutura periférica da administración marítima. A día de hoxe, a provincia de Lugo é a única provincia do Estado con mar e sen Autoridade Portuaria, a pesar de que é nesta provincia e concretamente na comarca da Mariña, onde se atopa o porto de Alcoa, un porto con alto volumen de negocio. Os datos que publica a Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao anualmente reflicten que este organismo estatal non chega a invertir na provincia de Lugo, nin en San Cibrao nin na Mariña nin siquera o 5% do recaudado aquí no peirao de Morás por taxas e outros conceptos cando estamos a falar de cantidades anuais tremendamente importantes que rondan os 10 millóns de euros. Non hai mais que ir ao documento dos Orzamentos Xerais do Estado 2021 para comprobar que no Anexo de Inversions Reais para 2021 e programación plurianual anualizada as partidas destinadas ao ámbito portuario mariñao son 0€, agás algunha migalla en partidas xenéricas, mentras baixo o epígrafe “Ferrol-San Cibrao” as inversións que alí aparecen refírense só a Ferrol.

O Porto de San Cibrao, declarado de interés xeral en virtude da Lei 27/1992 de 24 de novembro de Portos do Estado e da Marina Mercante sigue hoxe xestionado pola Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao creada polo Real Decreto 1590 de 23 de decembro de 1992, e entendemos que polo anteriormente exposto sobran motivos e xustificacións, de índole económica, de ordenación do territorio, de planificación de infraestruturas e de índole social e política para que a provincia de Lugo conte con Autoridade Portuaria propia, máxime se temos en conta tamén que dependente da Autoridade Portuaria Ferrol – San Cibrao, e en réxime de concesión ata 2023, a multinacional Alcoa está explotando o porto comercial de San Cibrao, porto que no seu día foi construido polo INI.

De acordo a esta concesión, Alcoa utiliza únicamente o dique sul, o que significa o non aproveitamento do dique norte para a súa utilización para o tránsito comercial. A este respecto débese ter en conta que a posta en funcionamento do dique norte, tal como consta en diferentes estudos e anteproxectos elaborados, nalgúns casos por organismos públicos, significaría habilitar un peirao de atraque de 240 metros de lonxitude para buques de 222 mts de eslora, 11,5 mts de calado e 50.000 m2 de esplanada portuaria, sendo compatíble co uso que fai Alcoa do dique sul.

O ente público Portos de Galicia realizou no ano 2010 un “Informe de viabilidade da apertura do Dique Norte San Cibrao-Morás ao tráfico comercial” no que se demostra a viabilidade operativa, construtiva, de tráficos e económica (30 M€), e donde a participación dunha autoridade portuaria propia tería tamén de suma importancia. O Porto de San Cibrao é o de maior calado de A Mariña e con esta actuación optimizaríase esta infraestrutura portuaria ao permitir levar a cabo unha actividade comercial portuaria independente e/ou complementaria á que na actualidade se desenvolve por Alcoa.

Esta infraestrutura traería consigo unha maior dinamización socioeconómica de A Mariña e, por extensión, da nosa provincia, dinamización mais que necesaria sobre todo pola situación que se está a vivir polo incerto do futuro industrial da comarca, sendo necesario agora mais que nunca que os beneficios do Porto de San Cibrao revertan na comarca e na provincia, e que A Mariña conte cun porto comercial no Dique Norte de Morás dependente dunha Autoridade Portuaria propia, en consonancia coa condición de provincia marítima que tén Lugo desde o ano 2002.

Por todo o anteriormente exposto solicitamos desta corporación municipal a adopción dos seguintes acordos:

1. Instar ao Goberno do Estado á creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao, segregándoa da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.

2. Instar ao Goberno da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a que en tanto non se cree a autoridade portuaria de San Cibrao proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do porto de San Cibrao de xeito que estes ingresos revertan na costa de Lugo.

3. Instar ao Goberno do Estado para que inicie as negociacións oportunas para liberalizar e abrir ao tráfico comercial o dique norte do Porto de Alcoa en San Cibrao.

Exit mobile version