Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro insiste na oficialización do Camiño do Mar

Viveiro, 24 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro vén de remitir un novo escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co obxectivo de insistir na reunión solicitada en relación coa tramitación para a oficialización do Camiño do Mar.

Dita xuntanza xa fora solicitada polo goberno local en febreiro, dado que nunha reunión anterior celebrada en decembro se acordou manter informado ao Concello de Viveiro sobre o proxecto. Esta iniciativa pretende realizar, segundo foi informado o Concello, un estudo que permita oficializar a ruta.

Á espera de coñecer a data na que poida celebrarase a reunión solicitada, dende o Concello de Viveiro remitiuse un novo escrito explicando a importancia da oficiliazación da ruta para o municipio. Esta iniciativa podería supoñer un novo recurso turístico para Viveiro, que redundaría positivamente nos eidos turístico, histórico, cultural e económico.

Dende o executivo municipal recordan que levan varios anos traballando para dar a coñecer e promocionar este camiño. O goberno local entende ademais que a oficialización desta ruta é unha cuestión fundamental para o municipio, especialmente no contexto económico actual.

Ademais, no escrito referido, o Concello de Viveiro fixo constar que por parte do Presidente da Asociación Amigos do Camiño do Mar xa se remitiu a documentación solicitada.

Polo tanto, dende o executivo municipal agárdase que a reunión solicitada poida celebrarse á maior brevidade posible. Coa xuntanza, o Concello quere coñecer en que punto se atopa neste momento a tramitación do expediente para a oficialización desta ruta coñecida como Camiño do Mar, unha iniciativa que incrementaría os atractivos turísticos de Viveiro.

Exit mobile version