Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno apoia a contratación en empresas da “economía verde” con axudas de ata 3.440 euros por contrato

Lugo, 10 de marzo de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anima a empresas, emprendedores e organismos lucenses a sumarse á nova liña de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destinada a fomentar a contratación de desempregados no ámbito da “economía verde”.

Isabel Rodríguez explicou que esta nova liña de axudas, dotada con 5 millóns de euros, “responde á aposta do Goberno pola economía verde, que non é unha utopía senón unha opción real para unha sociedade que precisa un novo modelo económico máis respectuoso coa natureza se queremos garantir o desenvolvemento sen sacrificar o futuro das novas xeracións”

A subdelegada destacou que esta convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, supón tamén unha oportunidade para contribuir a superar os retos da crise provocada pola pandemia da COVID-19.
A “Convocatoria Emplea” enmárcase dentro do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade e nace coa finalidade de apoiar directamente a contratación de persoas desempregadas no ámbito da economía verde e/ou azul.

Estas axudas destínanse á xeración directa de emprego verde ao subvencionar a contratación de persoas desempregadas a tempo completo, durante un período mínimo de 6 meses. As destinatarias son entidades que estean vinculadas directa ou indirectamente coa economía verde e/ou azul ou entidades que, non estando vinculadas, xeren emprego que contribúa a unha liña de negocio sostible ou a unha mellora ambiental na entidade. Os solicitantes poderán ser persoas xurídicas privadas con e sen ánimo de lucro e tamén persoas físicas que actúen como empregadoras.

A repartición de fondos para as Comunidades Autónomas aplícase segundo o obxectivo de desenvolvemento. En Galicia, as axudas á contratación en oscilan entre 3.040 euros e 3.440 euros por contrato. A cifra máis elevada é no caso de que a persoa contratada pertenza a un grupo social prioritario (mulleres, mozas de ata 35 anos ou maiores de 45, persoas inmigrantes, persoas con discapacidade ou residentes en áreas protexidas e/ou zonas rurais).

O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 15 de marzo (para recibir a axuda antes de outono de 2021) ou ata o 30 de setembro de 2021.

As persoas interesadas poden ampliar información na web https://contratacion.empleaverde.es/

Exit mobile version