Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pon en valor os viños da bacía do río Navia

Negueira de Muñiz, 17 de marzo de 2021. A presidenta provincial do Partido Popular e deputada autonómica, Elena Candia, visitou a adega Panchín en Negueira de Muñiz da man do seu responsable, Manuel Cancio, e acompañada dos deputados no Parlamento de Galicia José Manuel Balseiro e Daniel Vega, así coma da voceira do PP neste municipio, Sonia López. A popular anunciou que se interesarán na Cámara do Hórreo polos trámites levados a cabo pola Xunta de Galicia para a inclusión dos viños da bacía do río Navia no rexistro europeo de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, o que suporá o recoñecemento oficial dos caldos producidos en Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada.

Candia sinalou que visita Negueira de Muñiz, “o municipio máis pequeno entre os municipios lucenses, dando continuidade ás distintas visitas de traballo aos concellos da provincia” para achegar información e trasladar o traballo “serio e responsable” que están a facer dende as institucións atendendo aos intereses dos veciños.

Os populares puxeron en valor a produción vitivinícola desta zona que cada vez acada un maior peso tanto en calidade como en cantidade. A presidenta provincial, durante a visita realizada a unha das adegas interesadas en acadar esta distinción, subliñou que, “dende as institucións, o Partido Popular traballará para axudar a este produtores, co fin de sumar na consecución da IXP que dará un forte pulo ao viño da Montaña”. “Somos conscientes de que pode ser un elemento económico moi importante para esta zona e, sobre todo, nestes momentos no que a recuperación económica se fai tan necesaria”, precisa.

A IXP será aplicable aos viños brancos, producidos de uvas de godello, albariño, loureira, treixadura, torrontés e branca lexítima. No caso dos tintos, será o serodio, mencía, merenzao, brancellao, caíño tinto e loureiro tinto. A etiqueta incluirá os caldos de todo Negueira. No caso de Navia, serán os producidos nas parroquias de Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira e, en Fonsagrada, as de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martín de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar de Cuíña.

O proceso ao detalle
O Diario Oficial de Galicia publicou en decembro de 2020 a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, que amparará os viños producidos na bacía do río Navia. A zona delimitada está situada ao nordeste da provincia de Lugo e abrangue o concello de Negueira de Muñiz e varias parroquias dos de A Fonsagrada e de Navia de Suarna. Con esta publicación dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un primeiro paso de cara a súa inscrición no rexistro europeo. A solicitude publicouse tamén no Boletín Oficial de España (BOE) do pasado día 3 de decembro e, logo, abriuse un prazo, que finalizou o vindeiro 22 de febreiro, para que calquera que teña a consideración de interesado poida presentar alegacións.

Os trámites para a inscrición desta indicación xeográfica iniciounos a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, que representa a un incipiente sector vitivinícola que ten interese en distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade. Unha vez comprobado que se cumpren os requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades, todas elas autóctonas.

A posta en marcha desta denominación facilitará a comercialización das producións da zona e servirá para potenciar outras actividades económicas nese territorio, nomeadamente as relacionadas cos servizos turísticos. Por outra parte, a potenciación das nosas producións agroalimentarias e, en particular, as acollidas aos diferentes indicativos de calidade favorece a economía da comunidade autónoma. Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no Diario Oficial da Unión Europea. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez que pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada «protección nacional transitoria», mecanismo que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar en España mentres continuase o proceso de tramitación da inscrición a nivel europeo.
Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201222/AnuncioG0528-301120-0001_gl.html

Investimentos da Xunta en Negueira
Os populares tamén puxeron en valor as achegas da Xunta nos últimos anos que supoñen unha inxección de arredor de 2,2 millóns de euros no municipio nos últimos tres anos sendo o medio rural o receptor da maior parte dos apoios do Goberno galego xa sexa a través de axudas directas a agricultores e gandeiros ou a través de programas para o desenvolvemento local e a repoboación forestal ou proxectos públicos ou privados relacionados con este ámbito. De feito, a través do GDR a Xunta apoiou a reconversión dun viñedo.

O Concello recibe importantes achegas do Fondo de Cooperación Local e conta dende o 2018 cun vehículo pick up e cun remolque para emerxencias dende o 2019 financiados pola Xunta. O Goberno galego tamén garante distintos servizos sociais no municipio que alcanzan unha achega de máis de 61.500 euros nos últimos tres anos.

Exit mobile version