Site icon Crónica3.com A Mariña

Os centros socioculturais de Viveiro están abertos cun aforo limitado do 30%

Viveiro, 18 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro anuncia que desde o pasado luns, 15 de marzo, os centros socioculturais do municipio permanecen abertos cun aforo limitado do 30%.

Ademais, dende o vindeiro luns 22 de marzo darán comezo as actividades grupais nos centros socioculturais con ata catro persoas non convivintes (sen contar ao monitor/a), segundo establece a nova orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na comunidade autónoma de Galicia.

Dende o goberno local enténdese que no contexto a actual os centros socioculturais son lugares fundamentais, cumprindo sempre coa normativa e limitacións establecidas. Estes espazos constitúen un lugar de encontro entre persoas no que poder levar a cabo non só actividades lúdicas, senón tamén outras relacionadas co desenvolvemento integral das persoas: exercicio físico, obradoiros de memoria, sesións musicais, etc.

Precisamente por estes motivos, o Concello de Viveiro está realizando nestes meses melloras nestas instalacións, tanto nas que son utilizadas polos veciños e veciñas de forma particular, como polas empregadas por asociacións e colectivos. O goberno local pretende con estes traballos de acondicionamento potenciar o seu uso por parte da cidadanía.

As renovacións comezaron polos centros de Covas e Celeiro, dado que son os máis demandados pola cidadanía de Viveiro. Non obstante, dende o goberno local explícase que se está realizando unha revisión de todas as instalacións e que o Concello de Viveiro pon este servizo a disposición de calquera asociación ou colectivo que así o solicite.

Con respecto ao equipamento da Casa do Forno, o executivo local xa adquiriu o ano pasado unha nova televisión, ademais doutros útiles como estores, alfombras desinfectantes… Neste 2021, o Concello de Viveiro comprou para o centro dous ordenadores e unha impresora, dos que poderán facer uso todos os usuarios/as do centro. Tamén está previsto dotar á Casa do Forno dunha nova rede wifi.

Por último, o executivo local ten previsto proceder á instalación de novos equipos informáticos para o Centro Sociocultural de Covas.

Exit mobile version