Site icon Crónica3.com A Mariña

Ourense, inicio da segunda fase para as burelistas

Burela, 22 de marzo, 2021. O Pescados Rubén Burela FS iniciará o periplo da segunda fase, en busca da loita polo título, este sábado con parada na pista do Ourense Envialia FSF na primeira xornada. Así deu a coñecer a RFEF esta mesma mañá o calendario tras a resolución clasificatoria da primeira rolda.

Un total de oito equipos, os catro primeiros clasificados dos Grupos A e B, formarán o Subgrupo C para pelexar por unha praza para o play off ao longo dunha segunda liga de ida e volta que se prolongará ata o 29 de maio. Xunto ás Guerreiras, liderando o B, están Torreblanca Melilla, AD Alcorcón e Móstoles FSF. Do Grupo A, entran en lide Futsi Atlético Navalcarnero, STV Roldán, Poio Pescamar FSF e Ourense Envialia.

Despois de non compartir competición con conxuntos galegos, as mariñás terán un arranque con arrecendo irmandiño; tras a xornada inaugural na cidade das Burgas, disputarán o primeiro partido en Vista Alegre con Poio Pescamar FSF, o 3 de abril.

O ansiado clásico de titáns tamén pasará antes pola Bomboneira, coa visita de Futsi na xornada 4, co peche da primeira volta, o 17 de abril. O 29 de maio as Guerreiras porán o broche coa xornada 8 en La Estación.

Exit mobile version