Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia tramita a dotación de saneamento e mellora da superficie portuaria do peirao de Ortigueira

Ortigueira, 9 de marzo de 2021. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos representantes municipais de Ortigueira e a confraría de Espasante. Neste encontro, a responsable do ente público presentou a proposta técnica do organismo portuario para dotar de saneamento e mellorar a superficie da contorna do peirao de Ortigueira.

A actuación prevista pasa por instalar a rede de saneamento na zona e renovar as instalacións de subministro de auga e electricidade. Unha vez executada esta parte da actuación, corrixiranse as deficiencias existentes no pavimento e mellorarase a seguridade para a circulación peonil e rodada entre a zona do parque do Malecón e as beirarrúas do cemiterio.

Así mesmo, renovaranse as dotacións de pluviais, rego e xardinería así como o mobiliario urbano. Este proxecto, de carácter puramente funcional e que repercute ademais nunha mellora da contorna portuaria, conta cun orzamento de 345.000 euros e atópase actualmente en fase de tramitación ambiental.

Dragaxe en Espasante
No encontro, a presidenta do ente dependente da Consellería do Mar informou tamén do estado de tramitación do expediente de dragaxe do porto de Espasante. A este respecto, informou de que o proxecto se atopa incluído no contrato que o organismo público vén de asinar para a redacción de estudos de dragaxe e ambientais nunha trintena de portos de toda a comunidade. Con este novo paso avánzase na tramitación da actuación que presenta especial complexidade na súa tramitación ambiental dada a protección ambiental vixente na zona.

Exit mobile version