Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada 24. Primeira Masculina. Santa Coloma 4-3 Pescados Rubén

Burela, 16 de marzo, 2021. O Pescados Rubén Burela FS non puido estrear a semana puntuando na rifadísima cita ante Industrias Santa Coloma (4-3). Aínda que foron os de de Sito Rivera os primeiros en atopar a portería, os locais deron a volta ao marcador na recta final da primeira parte, cunha nova poutada laranxa chegando á bucina do ecuador. Tras o descanso, os galegos mereceron máis polo perigo xerado aínda que foron os cataláns os que conseguiron distanciarse grazas á estratexia e nunha transición. Matamoros subiu o definitivo 4-3 nun penalti a 8 segundos do asubío.

O Industrias tentou crear problemas nas saídas do Pescados Rubén encomendándose á intensidade. Tras o perigo de Álvarez e Uri Santos sobre a rede de Kaluza, os mariñáns dispuxeron de dous bos remates sobre a medianía da primeira parte, ante a correcta resposta de Mario, que non puido desartellar pouco despois as intencións de Iago Míguez, finalizando ao segundo pau libre de marca. Kaluza volveu ler á perfección a Álvarez no minuto 14 para manter a vantaxe burelista a salvo. A falta de tres minutos para o descanso, Industrias igualou a contenda cun disparo de Sepe desde a frontal da área que o meta burelista non conseguiu neutralizar a pesar de tocalo. Cardona, dun disparo raso, deulles unha nova alegría aos locais para poñerse por diante. Os galegos non estaban dispostos a marchar aos vestiarios sen pelexar ata a bucina e así atoparon de novo o empate, cun remate de Pazos que se coou entre as pernas de Mario a falta de 26 segundos.

O Pescados Rubén Burela volveu con moito perigo. Renato e Matamoros foron os primeiros da lista fronte ás boas respostas de Borja. Estaban a merecelo o galegos pero foi o Santa Coloma o que atopou o premio en estratexia, nun saque de banda culminado por Álvarez. Tocaba remar contra unha corrente que se intensificou no 36 co 4-2 de Cardona nunha transición rápida. Respondeu entón o Pescados Rubén con Álex Diz como porteiro xogador pero a artillería mariñá bateu de novo con Borja. Matamoros rubricou o 4-3 final transformando un penalti a 8 segundos da bucina.

Sábado, visita de Levante

Os mariñáns volverán ao parqué o sábado coa visita de Levante UD FS (18.30 horas), no cume, nunha fin de semana repleta para a axenda laranxa de Vista Alegre, que acollerá ademais dúas citas aprazadas de Primeira Feminina, con AD Alcorcón o venres (19.30 horas) e Móstoles FSF o domingo (13.00 horas).

Ficha técnica

Industrias Santa Colma: Mario, Corso, Sepe, Bermusell, Drahovský, cinco inicial; tamén xogaron Uri Santos, Álvarez, Cardona, Bruno Petry, Llamas, Khalid, Borja

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Iago Míguez, Matamoros, David Pazos, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Quintela, Renato, Giasson, Javi Rodríguez, Pitero

Goles: 0-1, minuto 10, Iago Míguez; 1-1, minuto 17, Sepe, 2-1, minuto 19, Cardona; 2-2, minuto 20, David Pazos; 3-2, minuto 29, Álvarez; 4-2, minuto 36, Cardona; 4-3, minuto 40, Matamoros (penalti)

Árbitros: Alonso Montesinos // Santander Flamarique. Por Santa Coloma amarela a Drahovský (minuto 12), Petry (minuto 23), Sepe (minuto 27), Llamas (minuto 40). Por Burela amarela para Pazos (minuto 36)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 de Primeira División Masculina disputado en La Colina.

Exit mobile version