Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba o convenio específico do Centro de Maiores de Meira, coa previsión de abrilo no verán

Lugo, 16 de abril de 2021. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o convenio específico do Centro de Atención a Maiores de Meira. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, informou de que unha vez asinado pola Deputación e o Concello rematarían os trámites administrativos. “Este paso permítenos avanzar ao obxectivo marcado e poder abrir este centro de cara ao verán, e que suporá un investimento de máis de 850.000 euros en tres anualidades. Nas vindeiras semanas daremos a coñecer o calendario para a solicitude de praza, e será nese momento cando as persoas interesadas poidan presentar a solicitude”, sinalou o Deputado.

Rivera Capón destacou que “este convenio establece a prioridade de acceso ás prazas para os veciños e veciñas de Meira; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para a veciñanza da provincia en xeral”. Así mesmo, recolle que o organismo provincial comprométese a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas.

O Centro de Maiores de Meira contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 nun futuro se fose preciso, e 20 de centro de día. “Semanas atrás licitamos o contrato para a dotación de equipamento que permitirá o aumento do ancho das camas dos 90 cm habituais, a 105 cm. Esta pequena ampliación mellorará o descanso e a comodidade dos residentes”, lembrou o Deputado provincial.

“Seguimos dando pasos importantes para cumprir cos compromisos desta Deputación cos concellos e coa veciñanza da provincia en materia de residencias. Con este contrato damos un paso importante de cara a cumprir coa nosa previsión de abrir o centro de cara ao verán”, afirmou o Deputado. Xunto a Meira, a Deputación de Lugo agarda pór en marcha, antes de mediados de ano, o centro de Pedrafita do Cebreiro. Así, coa apertura de Navia de Suarna a finais de ano, permitirá aumentar a rede provincial de residencias das 5 actuais -Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde-, ata 8.

Concurso fotográfico
Así mesmo, a sesión aprobou a convocatoria e base reguladora do VII Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. “Esta edición dende a Deputación de Lugo como xestora destes territorios buscamos promover actividades de lecer ao aire libre. Así, o fío condutor este ano será Sendeiros da Reserva da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses”, sinalou Pablo Rivera.

Nos vindeiros días publicaranse as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que premiará ás tres mellores fotografías con premios en metálico de 800€, 500€ e 300€.

Adquisición de mascarillas de protección
Adxudicouse a compra de 170.000 máscaras FFP2 de protección fronte á Covid-19 ao persoal da Deputación de Lugo, por un importe que ronda os 20.000€. “Esta adquisición forma parte das medidas que tomamos dende o inicio da crise sanitaria na Deputación para extremar a prevención do coronavirus e protexer aos traballadores e traballadoras nos seus postos de traballo”, explicou o Deputado.

Exit mobile version