Site icon Crónica3.com A Mariña

A licitación por 100.000€ o contrato para a execución de obras de saneamento nas parroquias de Vilaframil e A Devesa

Ribadeo, 13 de abril de 2021. O Concello sacou a licitación pública o contrato para a execución de dúas obras de saneamento nas parroquias de Vilaframil e A Devesa. O investimento ascenderá a preto de 100.000 euros, que será financiado polo Concello, de fondos propios, e pola Deputación de Lugo, a través do Plan Único.

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, explicou que “dentro das actuacións nas parroquias que estamos a planificar para este ano, e de acordo cos compromisos que fomos asumindo coas distintas asociacións de veciños das parroquias, temos que dicir que hoxe sacamos a licitación pública o contrato para a execución de dous pequenos saneamentos”.

O edil ribadense indicou que “un deses contratos é para a actuación entre O Valado e o campo de San Lourenzo, na parroquia de Vilaframil, por un importe de 44.897 euros e que tamén leva incluída a pavimentación duns 200 metros. O outro contrato corresponde á segunda fase do saneamento de Cinxe, na parroquia da Devesa, por un importe de 53.512 euros e que completará os cruces que xa foron executados no exercicio anterior cando se aglomerou o camiño municipal”.

Marcos Villamil subliñou que “estas dúas actuacións, que suman case 100.000 euros, concretamente 98.410 euros, van ser cofinanciadas practicamente a partes iguais entre o Concello de Ribadeo, que o poñemos de fondos propios, e máis a Deputación de Lugo, a través do Plan Único. O prazo de execución será de tres meses, dende a adxudicación, e o método de licitación será o procedemento aberto polo que as empresas cualificadas para estes traballos que estean interesadas poden obter toda a información na plataforma de contratos do Estado, xa que estas licitacións se fan por procedemento de licitación electrónica”.

Exit mobile version