“Trátase dunha exposición única, nunca vista, nun entorno tamén único como é a Catedral de Mondoñedo, declarada Monumento Nacional en 1902 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2015”, segundo destacan dende o goberno local.
A peza audiovisual de pouco máis de 3 minutos e medio comeza ensinando as tres obras escultóricas de Raimundo Rubal que adornan a entrada da Catedral de Mondoñedo.
Xa no interior, o vídeo amosa un percorrido cronolóxico polos distintos episodios da Paixón de Cristo comezando polo “Prendemento” representado por unha figura do Cristo de Medinaceli do século XVIII e o Cristo da Columna do século XVII. A figura articulada de Xesús Nazareno é a máis destacada do “Santo Encontro” xunto á de San Xoán, que data do século XVII, e a Verónica. O Cristo Xacente é a imaxe central do “Santo Enterro” á que tamén pertencen a da Soidade e a Dolorosa.
Manter o arraigo en tempos de pandemia
O goberno mindoniense sinala que “este ano a Semana Santa de Mondoñedo, declarada festa de interese turístico, celébrase no interior da Catedral respectando as medidas establecidas polas autoridades sanitarias”. De feito, a diocese Mondoñedo-Ferrol xa anunciara a suspensión das procesións na rúa para evitar a concentración de persoas e garantir a saúde pública.
Ante esta situación atípica, o Concello de Mondoñedo apostou por manter a tradición, o arraigo e o espírito da súa singular Semana Santa a través deste vídeo co que da coñecer as imaxes que están expostas no interior da Catedral “para facer partícipes da Semana Santa mindoniense a todos os que a queiran coñecer”.