Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA e o GDR Terras de Miranda colaboran para impulsar novos proxectos e mellorar a sostenibilidade do medio rural

Mondoñedo, 16 de abril, 2021. ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda veñen de renovar a súa colaboración mediante un novo convenio financeiro que ten como obxectivo atender ás demandas dos empresarios e da creación de emprego e autoemprego no sector servizos, industrial e agrogandeiro e forestal.

O acordo foi asinado esta mañá en Mondoñedo por parte do director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro, e o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural G.D.R. Asociación Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra. Trátase dun documento que reforza a aposta que mantén o banco co sector agrogandeiro e forestal da zona e que pretende, entre outras cousas, contribuír á fixación de poboación no norte da provincia de Lugo.

O convenio aposta pola reactivación económica mediante o crédito, que permitirá aos beneficiarios poñer en marcha novos proxectos e a mellora da competitividade dos actuais. Os asociados do GDR terán acceso a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario ou avais.

Así mesmo, no convenio inclúese unha oferta específica para os proxectos do sector primario con créditos e préstamos deseñados especificamente para este sector, desconto comercial, confirming ou factoring, así como préstamos e anticipos para as colleitas ou devolución de subvencións.

Os vinculados ao GDR tamén poderán acceder ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. A maiores, o banco pon xestores especializados en seguros ou banca electrónica a disposición de todos aqueles que o soliciten. No convenio faise tamén especial fincapé no financiamento oficial mediante os programas do ICO e as SGR galegas, que o banco tramita con especial dilixencia.

O GDR Terras de Miranda creouse en 2001 co obxectivo de agrupar os intereses de diversos colectivos da comarca da Mariña, que exercen a súa actividade nos sectores servizos, industriais e agrogandeiros e forestais, entre outros. O seu ámbito de actuación abarca os municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Exit mobile version