Site icon Crónica3.com A Mariña

Cajoto pide ao PP que deixe os constantes ataques contra o goberno local e que traballe en positivo polo concello

Foz, 7 de abril de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pídelle ao Partido Popular local que deixe os ataques furibundos contra o goberno municipal e que traballe en positivo polo concello e os seus veciños.
“Desde que chegamos ao goberno e estamos coa responsabilidade da Alcaldía de Foz comprometemos traballo, esforzo e honestidade. Pero estou vendo que o Partido Popular volve ao momento das eleccións con ataques furibundos, agora incluso xogando cos apelidos e faltando á honra dos que somos servidores públicos. Penso que é algo que non merecemos ni nós mesmos nin os veciños de Foz en xeral”, manifesta o rexedor municipal.

Fran Cajoto engade que “coas últimas declaracións do PP parece que en vez de facer unha beirarrúa en Vilaxoane quere tirar muros e casas existentes para axustarse a unha normativa que, co pouco espazo físico que hai, en ningún caso se podería cumprir. En Julia Minguillón queren tapar o acceso a un garaxe particular, onde se fixo unha beirarrúa nova nun lugar onde non a había e os carriños dos nenos tiñan que ir sorteando os vehículos; e tampouco queren que se abra unha rampla para a residencia de maiores. Incluso critican a potestade do presidente da corporación municipal, que son eu, de retirar unha proposta para aprobar a primeira imaxe corporativa que ten o Concello de Foz; pola ausencia de dous membros do equipo de goberno non procedía porque compre unha maioría ampla e folgada”.

Para rematar o alcalde de Foz manifesta: “nós seguiremos traballando e esforzándonos e continuaremos falando con rigor e honestidade e o que lle pido ao Partido Popular de Foz é que dunha vez traia investimentos da Xunta de Galicia, onde si goberna o PP. Un exemplo é o porto de Tupide porque despois de facer varias falsas promesas os populares no Parlamento galego votaron en contra da súa reforma e dunha dragaxe máis que necesaria. O traballo real que poden facer polos veciños e veciñas é traer investimentos reais e deixar que o resto traballemos con honestidade. E eles tamén o poden facer, con propostas, concordando e mirando polo ben de todos, que penso que debería ser o obxectivo cando calquera persoa se presenta a un posto público e o votan os seus concidadáns”.

Exit mobile version