Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO e UGT mobilizaranse o 1º de Maio para reivindicar que «agora toca cumprir» coa clase traballadora

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021. CCOO e UGT mobilizaranse conxuntamente o Primeiro de Maio para reivindicar que «agora toca cumprir» coa clase traballadora, para o que haberá concentracións e manifestacións en todas as cidades de Galicia. Así o anunciaron este mediodía os secretarios xerais de ambas as dúas organizacións, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, tras lembraren que o anterior Primeiro de Maio tivo que transcorrer en pleno confinamento por mor da pandemia.

Segundo Sarmiento, neste Primeiro de Maio farase un «recoñecemento» ao persoal dos sectores esenciais, así como ás delegadas e delegados sindicais, que durante todos estes meses mantiveron «unha actividade frenética para defender os intereses da clase traballadora».

Pero o recoñecemento «non pode quedar nun mero xesto moral», senón que ha ir acompañado de actuacións e compromisos concretos que melloren as súas condicións de traballo, puntualizou. Neste sentido, o secretario xeral de CCOO criticou que as patronais queiran saír desta crise igual que da anterior, con «recorte de dereitos, de desvalorización de salarios e de perda de retribucións».

Por esta razón, Sarmiento pediu unha «participación masiva» nas mobilizacións do próximo sábado, pois estamos nun «momento determinante» para abordar o xeito en que se debe dar a saída da crise.

Pola súa parte, o secretario xeral de UGT xulgou «imprescindible» retomar a axenda social e recuperar a mobilización, polo que instou o Goberno do Estado a «retomar os compromisos cos sindicatos e coa cidadanía».

A primeira reivindicación, a derrogación da reforma laboral, para poder devolver o equilibrio ás relacións laborais. Canda ela, a derrogación da reforma das pensións do 2013 e subir o SMI ata o 60% do salario medio. «Son demandas xustas e lexítimas», incidiu.

José Antonio Gómez tamén instou o Executivo central a dar «resposta xa» aos conflitos, xa longos no tempo, de Alcoa en San Cibrao e de Alu Ibérica na Coruña. «É necesaria xa a súa intervención por parte do Estado; non pode xerarse máis incerteza nos traballadores e traballadoras». Reclamou, así mesmo, solucións para o sector naval de Ferrol e de Vigo.

Exit mobile version