Site icon Crónica3.com A Mariña

Colaboración do Concello de Viveiro coa Asociación Galega de Familias de Acollida en programas para a atención e protección de menores

Viveiro, 22 de abril de 2021. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinou hoe un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO), no que ambas partes manifestan o seu interese en colaborar mutuamente no desenvolvemento de programas de atención, formación e difusión en materia de sistema de protección de menores, así como da medida específica de acollemento familiar que promove esta asociación.

“Apoiaremos o traballo de sensibilización para a transformación e mellora social sobre acollemento familiar e residencial, os dereitos da infancia e do sistema de protección, das familias de orixe e das familias de acollida”, explica María Loureiro.

A colaboración será sempre dende unha perspectiva holística e de xénero, adquirindo o Concello o compromiso de facilitar sempre na medida do posible o uso de espazos e/ou recursos que se poidan precisar para acadar tales fins.

Este convenio xorde tras a reunión mantida o pasado 15 de marzo entre Victoria Baamonde Gómez, concelleira de Benestar Social, Lucía Miguez López, subdirectora de Servizos Sociais, e a directora e coordinadora da Asociación Galega de Familias de Acollida, a traballadora social Carmen Dourado Rodríguez.

ACOUGO naceu como resposta a unha demanda social crecente, para a cal entre outros se establecen unha serie de obxectivos fundacionais, entre os que se atopan:
1. Protexer á infancia en Galicia.
2. Promover unha conciencia social positiva e de respecto ao dereito fundamental das persoas menores de idade a crecer en familia.
3. Fomentar o acollemento familiar en Galicia.
4. Divulgar e sensibilizar á poboación en materia de medidas de protección de menores.
5. Axudar ás familias acolledoras, aos nenos/as, rapaces e rapazas acollidos/as, no seu proceso de acollemento.
6. Representar ás familias acolledoras, tanto extensas como alleas.
7. Xerar espazos de encontro para as familias acolledoras.
8. Facilitar a formación regrada ou non, para as familias acolledoras, e menores acollidos/as, tanto en familias como en centros residenciais.
9. Formar nesta materia a profesionais dos Servizos Sociais das administracións, así como a outros axentes involucrados na intervención con menores: Centros de Protección, familias biolóxicas, acolledoras, etc.

Para isto a asociación en colaboración co noso Concello poderá poñer en marcha actividades como as seguintes:
1. Crear puntos de atención, información, asesoramento e acompañamento para as familias acolledoras.
2. Colaborar coas Administracións Públicas, e coas institucións que se adican á protección de menores, aportando experiencias, tempo, dedicación, e profesionais, tendo en conta sempre o interés superior da persoa menor de idade.
3. Crear unha rede de colaboradores, voluntarios e socios, contando tamén co persoal contratado que se estime necesario para a consecución dos fins, anteriormente descritos.
4. Promover actividades culturais como Cinema Forum, Teatro Social, expresión corporal, ciclos de música, debates, etc. Facendo posible a sensibilización por parte da sociedade nos temas de interese e facilitando a participación cidadá.
5. Convocar con frecuencia, grupos de traballo ou terapéuticos, charlas formativas e informativas, seminarios, etc., tanto para usuarios, persoal, membros da Asociación, como para calqueira persoa interesada nas temáticas que se propoñan.

Exit mobile version