Site icon Crónica3.com A Mariña

Cómoda victoria das laranxas fronte ao Ourense (9-2), antes dunha semifinal apaixoante co Futsi

Burela, 30 de abril, 2021. O Pescados Rubén Burela FS superou o primeiro obstáculo do Copa da S.M. A Raíña (Las Rozas) impoñéndose con comodidade ao Ourense Envialia (9-2). As Guerreiras Laranxas pelexarán polo billete da final, mañá ás 19.00 horas, fronte ao Futsi Atlético Navalcarnero, que venceu a Intersala Promesas Zaragoza (6-2) no segundo cuarto.

Este será o segundo Clásico da tempada entre burelistas e madrileñas; despois de case ano e medio, o duelo de titáns puido vivirse hai tan só un par de semanas en Vista Alegre, en liga, con 1-2 para as visitantes.

Aínda que todos os protagonistas fuxían de tomar como referencia o duelo galego de liga do sábado, con 9-4 para as da Mariña, Las Rozas presenciou un guión moi similar para os intereses burelistas, encarrilando xa na primeira parte con 4-1. O conxunto dirixido por Lucas saltou á pista da Cidade do Fútbol para gobernar en dominio e posesión. Xa no 2 de xogo, chegou o primeiro aviso; Jenny Lores freou a Cami e Vane fixo o propio no rexeite de Luísa. Volveron merodear a rede Peque rozando o pau e Luísa, que non puido rematar o pase da capitá. O Ourense, aplicado en defensa, puido gozar da súa primeira ocasión no 5, cun disparo cruzado de Laura Uña; cobraron as de Morenín un pouco máis de presenza, pero Pescados Rubén Burela asestou a primeira para reafirmar as súas sólidas intencións nun novo camiño cara ao trono. Cami abriu o electrónico por fin, no minuto 9; a 8 laranxa finalizou ao segundo pau unha perfecta triangulación con Jane e Ale de Paz.

A gran fenda entre as dúas escuadras conseguiu equilibrarse co paso dos minutos. Jenny Lores serviulle de banda a banda unha de ouro a Iria Saeta para igualar a contenda no minuto 12, con todo, en menos de 30 segundos as Guerreiras Laranxas recuperaron a vantaxe con Luísa Mayara na caza do rexeite do pau a tentativa de Dany como mazazo nos ánimos ourensáns, con tres minutos por diante moi efectivos. A hispano-brasileira forzou a perda en pista ourensá para que Peque puidese asistir a Ale de Paz e ampliar no 13. Jane, tan só dous minutos despois, volveu aproveitar a recuperación fronte a Carmen en zona de finalización para subir o 4-1.

Dany subiu o quinto no reinicio, con contragolpe e gañando o man a man ante unha Vane adiantada. Cumpríase o 24 de xogo e Ourense apostou por xogo de cinco con Jenny Lores, aínda que os resultados caeron do lado laranxa de novo, con roubo de Bea Mateos, no 26, e Peque, no 28, para o 7-1. No 32, a efectividade mariñá volveu aparecer nun pase longo de Jozi Oliveira a Jane para subir o oitavo. Cun precipicio difícil de salvar, o Envialia non se deu por vencido e conseguiu mitigar as distancias a escasos segundos, de novo con Iria Saeta, nun disparo afastado que tocou na defensa burelista para desorientar na traxectoria. As de Morenín insistiron para provocar a concentración en defensa do Pescados Rubén, que volveu aproveitar en contraataque para subir o definitivo 9-2 nun perfecto entendemento entre Peque e Bea Mateos (minuto 37).

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Cami, Luísa Mayara, cinco inicial; tamén xogaron Jane, Ale de Paz, Bea Mateos, M. Cortés, Elena Aragón, Lara Balseiro, Jozi Oliveira

Ourense Envialia FSF: Vane, Chiky, Laura Uña, Ju, Jenny Lores, cinco incial; tamén xogaron Iria Saeta, Meri, Carmen Carballada, Susana

Goles: 1-0, minuto 9, Cami; 1-1, minuto 12, Iria Saeta; 2-1, minuto 13, Luísa Mayara; 3-1, minuto 14, Ale de Paz; 4-1, minuto 16, Jane; 5-1, minuto 24, Dany; 6-1, minuto 26, Bea Mateos; 7-1, minuto 28, Peque; 8-1, minuto 32, Jane; 8-2, minuto 32, Iria Saeta; 9-2, mintuo 37, Peque

Árbitros: Sara Gutiérrez // Jorge González // Lidya Guillem. Por Burela amarela para Jane (minuto 38)

Incidencias: Partido de apertura de cuartos de final de Copa de S.M. A Raíña (Las Rozas, 30 de abril-2 de maio) emitido en directo por Teledeporte. Minuto de silencio inicial polo falecemento de Javier Encinar, médico da Selección Española de Fútbol Sala.

Cuartos de final – Venres 30 de abril
AD Alcorcón FSF vs Universidad de Alicante (18:00 h.)
AE Penya Esplugues vs Melilla Sport Capital Torreblanca FS (20:45 h.)
Semifinais – Sábado 1 de maio
Vencedor do 3º Cuarto de Final vs Vencedor 4º Cuarto de Final (16:30 h.)
Pescados Rubén Burela FS vs Futsi Atlético Navalcarnero (19:00 h.)
Final – Domingo 2 de maio
Vencedor da 1º Semifinal vs Vencedor da 2º Semifinal (19:00 h.)

Exit mobile version