Site icon Crónica3.com A Mariña

Concentración en Burela en defensa da sanidade pública

A Mariña, 17 de abril de 2020. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración para o vindeiro mércores 21 de abril, sumándonos así ás que se desenvolverán por todo o país aglutinadas pola plataforma SOS Sanidade Pública, colectivo no que estamos integrados. Na Mariña terá lugar en Burela, diante da Praza do Concello ás oito da tarde.

Durante máis dun ano a preocupación máxima deste colectivo foi, desde unha actitude totalmente respectuosa e de lealdade absoluta coas medidas sanitarias para combatir a pandemia, a información á poboación, sen menoscabo da denuncia pública ante as agresións aos dereitos de asistencia sanitaria ás persoas. Máis cremos, e así consideramos a totalidade de plataformas e colectivos sanitarios do país, que chegou a hora de sair novamente á rúa a facer valer o dereito a recibir unha asistencia sanitaria digna , garantindo a asistencia presencial nos nosos centros de saúde, incrementando o persoal sanitario e administrativo e rematando coa precariedade e inestabilidade do persoal asistencial.

A perda de servizos na Mariña é consecuencia directa da supresión da Área Sanitaria

Desde que o goberno da Xunta suprimiu a nosa área sanitaria, o proceso de perda de servizos e o alonxamento da sanidade pública das persoas adquiriu unha velocidade vertixinosa, de xeito que hoxe ,a case totalidade de mariñaos e mariñás perciben uns servizos sanitarios menos cercanos, máis precarios e máis encamiñados á derivación cara a macrohospitais nas cidades.

Desde o colectivo sanitario inciden na necesidade de defender a devolución da área sanitaria como primeiro paso para recuperar a nosa autonomía orzamentaria e deixar de depender das “migaxas que nos quedan despois de que que a capital use todos os recursos que precisan. Non queremos as sobras, queremos unha dotación de recursos propia e adecuada ás necesidades deste territorio “- explica Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma.

Déronse situacións críticas con certos servizos sanitarios, que quedaron prácticamente desertos

O colectivo tamén advirte que debemos loitar e saír á rúa para esixir que non se volvan repetir as situacións críticas que se derón hai uns meses, nas que especialidades como Reumatoloxía e Cardioloxía quedaron practicamente baleiras de profesionais, causando verdadeiros colapsos de asistencia e sumándose á xa deficiencia estrutural de profesionais que caracterizan ao hospital da Mariña.

Máis as nosas reivindicacións, a maioría delas históricamente demandadas por este colectivo,non secircunscriben a estes dous servizos prioritarios. Segundo nos comenta Víctor Vila , portavoz da Plataforma, “vimos sufrindo desde hai moitos anos o desleixo da administración con esta comarca e esta desidia reflíctese na percepción global de que temos menos e peores servizos, de que a nosa Atención Primaria está desmantelada, e de que cada vez é máis patente a derivación cara aos macrohospitais das capitais”.

A Plataforma Sanitaria considera que estas deficiencias sanitarias, orquestadas segundo un plan estratéxico do goberno da Xunta son motivo máis que suficiente para volver saír á rúa e é por iso que animamos á poboación a que acuda á concentración do vindeiro mércores 21 de abril, ás oito da tarde na Praza do Concello de Burela.

“A concentración foi debidamente comunicada ás autoridades competentes e desenvolverase nun entorno seguro, cumplindo todas as recomendacións sanitarias para a covid-19 e seguindo un protocolo de actuación”- conclúe Montse Porteiro.

Exit mobile version