Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega apoia os proxectos de posta en valor da ría de Ribadeo e do seu patrimonio cultural subacuático

Ribadeo, a 28 de abril de 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular e deputado autonómico, Daniel Vega, apoia a posta en valor da ría de Ribadeo e do patrimonio arqueolóxico e cultural que agocha nas súas augas e que está a ser investigado e difundido polo proxecto Argos que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da consellería de Cultura.

Con ese motivo, o conselleiro Román Rodríguez e o propio Daniel Vega recibiron no Parlamento de Galicia aos membros da asociación de actividades subacuáticas Illa Pancha de Ribadeo e a outros membros que integran o proxecto Argos. Trátase de arqueólogos, restauradores e mergulladores que están a levar a cabo a súa segunda fase de estudo da riqueza patrimonial da ría de cara á súa difusión tanto científica coma social ou fotógrafos e operadores de cámara responsables da captura de imaxes debaixo da auga dirixidas á realización dun documental e dunha exposición fotográfica.

Estas actividades culturais ás que se sumarán outras coma charlas divulgativas recollen os estudos dos profesionais para dalos a coñecer á sociedade en xeral e aos veciños de Ribadeo en particular. “Este material permitiranos coñecer mellor a riqueza da nosa ría e ser conscientes da súa relevancia histórica”, manifestou Vega.

Vega apuntou tamén que “ademais de defender o nome oficial que recibiu historicamente a ría de Ribadeo, traballamos e apoiamos con feitos proxectos para a súa posta en valor”.

Exit mobile version