Site icon Crónica3.com A Mariña

Investimento do Concello e a UE na praza de abastos de Ribadeo para aumentar o número de clientes

Ribadeo, 8 de abril de 2021. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda que coas obras realizadas na praza de abastos os praceiros e praceiras recuperen clientela, consigan máis clientes e que fidelicen e presten o mellor servizo posible a todo o seu público. O rexedor lembra que o investimento ascendeu a máis de 59.000 euros, dos que o 49% foi aportado pola Unión Europea, o 34% polo Concello, o 11´50% pola Xunta e o 4´93% polo Ministerio de Agricultura.

O alcalde ribadense destaca “a achega de varias administracións públicas para sufragar estas actuacións que se fixeron hai un tempo para mellorar a nosa praza de abastos. Primeiramente, a Unión Europea que aportou practicamente a metade do orzamento, un 49%, uns 29.000 euros; seguida do Concello de Ribadeo que aportamos un 34%, é dicir, uns 20.000 euros; tamén a Xunta de Galicia, aínda que co 11´50%, que ben sendo uns 6.800 euros, non é para tirar foguetes, pero tamén se agradece; e finalmente, o Ministerio de Agricultura que puxo un escasiño 4´93%, uns 2.900 euros”.

Suárez Barcia sinala que “entre todos puidemos investir os 59.141 euros para a renovación do saneamento da praza, dos baños, a instalación eléctrica, traballos de pintura e o que poida ser máis visible quizais sexa o novo pavimento que lle deu moita máis luminosidade e claridade tamén coa axuda dunhas novas luminarias leds que puxemos”.

O rexedor declara que “con estas novas obras quixemos poñer en valor de novo a praza de abastos e que siga sendo un punto de encontro, un punto neurálxico da vila, e oxalá isto sirva para permitir que as praceiras e os praceiros recuperen clientela, consigan máis clientela e, sobre todo, fidelicen e presten un mellor servizo a todo o seu público”.

Exit mobile version