Site icon Crónica3.com A Mariña

Ningún positivo no cribado realizado en Ribadeo aos veciñxs de Arante

Ribadeo, 13 de abril de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, anunciou esta mañá que os resultados do cribado voluntario no que participaron 130 veciños e veciñas da parroquia de Arante foron negativos. O rexedor subliñou que “este gromo detectado no núcleo de Remourelle, hai uns días, non foi espallándose entre a xente da parroquia”. E pediu a maior das prudencias a toda a poboación.

O alcalde dixo que “acabamos de saber, da man das autoridades sanitarias, o resultado do cribado voluntario que se fixo onte a cento trinta veciños e veciñas da parroquia de Arante. Afortunadamente todos deron negativo, polo que este gromo detectado no núcleo de Remourelle, hai uns días, non foi espallándose entre a xente da parroquia”.

Fernando Suárez indicou que “o valoramos como unha boa nova, dado que todo o mundo en Ribadeo estaba contendo a respiración, pero tamén é ben certo que isto non significa que esteamos libres de covid. Hai que lembrar que temos a día de hoxe aínda varios casos, segundo publica o Sergas na súa páxina web, polo que agora máis que nunca debemos actuar todo o mundo coa maior das prudencias, para conseguir que estes casos de Ribadeo non vaian a máis senón todo o contrario. Das actitudes individuais de todos e todas nós depende”.

Exit mobile version