Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo desencontro na Deputación, nesta ocasión polo acceso dun alcalde popular

Lugo, 30 de abril, 2021. As liortas no Pazo de San Marcos non cesan. Aínda non sofocadas as cinzas do último pleno, no que o PP abandonaba a sesión, este venres o choque entre populares e socialistas chega polo acceso dun alcalde popular ás instalacións. A nota emitida polo partido da oposición explica así o sucedido:

A medida que pasan os meses, perfílase debidamente o retrato do presidente da Deputación, José Tomé, e vaise vendo a un home cuxo talante democrático é máis ben escaso, que mostra refachos de autoritarismo e machismo trasnoitados e que practica a política do comigo ou contra min. O grupo provincial do PP denuncia que a un dos seus alcaldes se lle impediu a entrada na sede da Deputación ata ter permiso do gabinete do presidente. Á vista desta actitude, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “A Deputación de Lugo xa non é a casa de todos os alcaldes. Dicimos isto para denunciar a actitude ditatorial e vingativa do presidente, José Tomé. Falamos dun feito que o grupo provincial do PP considera moi grave, por represalias a un alcalde por ter participado na concentración diante de San Marcos para demandar equidade no reparto dos fondos da Deputación”.

Castiñeira explica: “A dito alcalde denegóuselle a entrada na Deputación, un feito que non se producía dende hai moitos anos, ata que tivese o permiso do gabinete de presidencia para acceder ao edificio. É algo ilóxico e intolerable; unha cousa e ter unha entrevista co presidente e outra é acceder ao edificio de todos os alcaldes e de todos os lucenses”.

Para os populares, trátase “dun feito lamentable e un novo ataque en contra daqueles que non pensan igual que o señor Tomé”. Castiñeira cre que “con este suceso confírmase o estado de ira e de nerviosismo no que Tomé está sumido despois da concentración que o levou a ser noticia en todo o país”. Engade: “Sabemos que este feito non só afecta aos 32 alcaldes do Partido Popular (algún deles leva anos solicitando reunirse co presidente par falar dos problemas dos seus pobos e este non acepta). Parece ser que a ira tamén recae nalgún outro Concello, que aínda que é socialista, hai algúns membros dese concello como o señor Álvaro Santos que mostraron o seu descontento coa actitude do señor Tomé nos últimos días e parece ser que, por este caso, o presidente colle a vara e peta na mesa contra os seus”.

É un feito polo que o grupo provincial do PP pedirá “explicacións e responsabilidades ao presidente da Deputación e esperemos que cambie a súa actitude, porque sigue sendo o presidente dos 67 concellos da provincia aínda que hai veces que non o demostra”.

A resposta do grupo de goberno socialista non se fixo agardar, foi a voceira Pilar García Porto quen explicaba o sucedido do seguinte xeito:

O Partido Popular “mente” afirmando que na institución provincial se lle prohibe a entrada á cidadanía. “A entrada no Pazo de San Marcos está restrinxida polos protocolos Covid-19 dende hai máis dun ano, como medida de prevención e contención do virus, e as persoas que entran nas instalacións deben ter unha cita previa asignada, como se fai en todas as administración, como acontece tamén na Xunta de Galicia”.

No caso do Alcalde que os populares refiren que non puido entrar na sede da Deputación, García Porto explica que solicitou unha cita para abordar uns temas, e “posto que se trataba dun rexedor, dirixíuselle ao Gabinete de Presidencia e, a día de hoxe, contestóuselle no mesmo formato que el se dirixiu á Deputación, a través de burofax e confirmóuselle unha cita para acudir ao Pazo de San Marcos a semana que vén”.

Exit mobile version