Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro vota en contra do Orzamento Municipal

Viveiro, 6 de abril, 2021. O pasado 14 de marzo a alcaldesa de Viveiro tivo a ben darnos a coñecer a través dos medios de comunicación, o seu proxecto de orzamento municipal para 2021 e de anunciarnos que o seu cogoberno ía aprobar ditas contas no pleno do 6 de abril. Para o BNG estes titulares de “habemus orzamento” cada vez nos sorprenden menos, posto que xa nos deixaron moi claro ao longo destes anos a total falta de vontade e valentía para exercer unha democracia participativa. Nin en situacións normais nin tampouco en tempos de pandemia, onde escoitar á veciñanza, ao tecido empresarial e asociativo e ao conxunto das forzas políticas se fai máis necesario que nunca para chegar a acordos de acción conxunta que podan contribuír a superar coas maiores garantías posibles esta crise socioeconómica que estamos a padecer sen precedentes na historia recente.

Mais isto non vai con María Loureiro e os seus intereses que parecen ser outros e así nolo veu demostrando continuamente, poñendo en evidencia a incapacidade que ten para o diálogo e o desprezo pola colaboración e participación veciñal nos asuntos da xestión municipal, a falta transparencia na xestión municipal e mesmo pouco respecto pola institución que a alcaldía representa ao saltarse até a máis elemental das normas de respecto e cortesía institucional, todo nun intento inútil de querer invisibilizar aos grupos da corporación municipal na oposición e menosprezar o seu traballo e as súas propostas, como é o caso do noso grupo que ao longo destes anos lles propuxemos numerosas iniciativas para pór en marcha plans e proxectos clave para o futuro de Viveiro e mesmo intentamos pór en común co concello, hai menos dun ano, un paquete de medidas transversais e integrais para optimizar os recursos do concello e apuntalar e fortalecer con elas os servizos públicos básicos.

Fagamos unha breve análise do documento que levaron para aprobar en pleno co fin de establecer o posicionamento do BNG ao respecto del:

Como todas ben sabemos, á hora de elaborar un orzamento municipal o primeiro que temos que coñecer é a previsión de cales van ser os ingresos municipais para saber canto imos poder gastar e en que. Hai ter claro que para poder ingresar non podemos quedar sentadas a esperar a que as administracións ingresen os fondos na caixa municipal, sen máis. Mesmo a Intervención no seu informe, recórdanos que o outorgamento das transferencias correntes que fan as administracións públicas non está garantido cada ano e polo tanto advirte da necesidade de traballar na busca de novas vías de ingreso se non queremos ter que axustar á baixa aínda máis os gastos nos vindeiros anos. E precisamente para acadar este fin, comprobamos que no cogoberno non fixeron estos deberes, vemos como non toma nota das recomendacións que mesmo lle propuxo tamén o BNG no pleno de orzamentos de 2020, posto que primeiramente non foi quen, tan sequera, de lograr o compromiso de administracións, coma a Deputación ou Xunta, de manter os importes das axudas que viñan concedendo anualmente a eventos culturais e turísticos celebrados anualmente en Viveiro.

Por outra banda, e logo de varios anos de aparentes negociacións, segue a día de hoxe sen ser quen de solventar co goberno central do PSOE a cesión da escola vella de Celeiro á Consellería de Educación por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social para a reubicación da Escola de Idiomas e así poder dotar a Aspanane do centro residencial que lle veñen prometendo desde hai varios anos.

E xa o colmo de todos os males é ver como o cogoberno, a pesares de vir prometéndoo case en cada pleno orzamentario, segue sen sentarse coa Mancomunidade de Concellos da Mariña e a Fegamp para facer un fronte común ante a Xunta para negociar a inclusión do Conservatorio de Música coma o de Viveiro na Rede de Conservatorios da Consellería de educación, como tampouco están a traballar con estas na busca de fórmulas temporais para unha cofinanciación equitativa entre as diferentes administracións galegas para manter este servizo educativo. Non pode ser que as axudas públicas recibidas para o mantemento anual do conservatorio (máis dun millón de euros) sigan sendo tan só a penas 70 mil euros (o 6% do custo total orzamentario). É inxusto que, pola irresponsabilidade duns e a incapacidade doutros, as veciñas e veciños de Viveiro sigan tendo que soportar o sobrecusto deste servizo público de competencia autonómica, que ao mesmo tempo impide a prestación de servizos municipais básicos de calidade.

No que respecta á proposta de presuposto de gastos do cogoberno municipal, resulta unha broma de mal gusto para a nosa veciñanza ter que ler as declaracións da alcaldesa en prensa asegurando que estas contas que van aprobar son unhas contas axustadas ao actual contexto económico, que son moi sociais e que teñen a prioridade de axudar ás familias e ás empresas de Viveiro, ao tempo que nos presentan un proxecto orzamentario de corta e pega, tirando á baixa e en situación de emerxencia.

Un orzamento como prioritario para o sector empresarial anunciando a inclusión de 200.000 euros como un segundo plan de reactivación do tecido produtivo e de mantemento do emprego, cando non é máis que un plan de repesca para algún dos sectores que o cogoberno deixou atrás hai un ano. Desexamos que, cando menos, esta repesca chegue a tempo para xs afectadxs.

Unhas contas feitas pensando nas familias, mentras a carga tributaria que teñen que soportar segue sendo a mesma a dos anos anteriores á crise da Covid e sen opción algunha para poder acollerse, como sí aprobaron en moitos outros concellos e así o propuxemos desde o BNG, a un plan de pagos personalizado dos tributos locais, mais si recoñeceu o cogoberno que as tarifas das taxas e prezos públicos (recollida de lixo,servizos sociais, culturais e deportivos, etc…) van sufrir unha actualización, ou sexa, que as familias van ter que soportar un maior gravamen pola súa utilización nos vindeiros meses.

Un orzamento no que copian e repiten os erros do pasado, intencionamente, como a negativa reiterada a incluír nos proxectos de orzamentos a convocatoria de liñas de axudas por concorrencia competitiva, en igualdade de condicións, destinadas ás entidades sen ánimo de lucro (asociacións veciñais, culturais e deportivas) sen verse na obriga de ter que pasar, ano sí e ano tamén, polos despachos dos membros da alcaldía. Así, un ano máis, comprobamos que uns 130.000€ son adxudicados directamente sen criterio algún coñecido e empregando a vía da excepcionalidade para a súa concesión, no canto da vía da igualdade de oportunidades e a total transparencia que ofrecen as convocatorias públicas de liñas de subvencións por concorrencia competitiva.

Un orzamento axustado á realidade económica e para a recuperación e mantemento do emprego, é o que din, mentres que o esforzo presupostario que prevén para a promoción do emprego e orientación laboral é de 0€ para 2021. Resultando isto tan incomprensible como sorprendente, posto que o concello sí prevé no orzamento de ingresos a concesión da Xunta de 25 mil euros en concepto de axudas para orientación profesional, e cuxo prazo de solicitude rematou o 10 de marzo, mais sen embargo non prevén ningunha actuación na área de protección e promoción social. Que irán facer con eses cartos?

Escúdanse na crise da covid para xustificar este proxecto orzamentario e a pésima xestión municipal, mais a realidade é que trouxeron unhas contas para 2021 que non son as que demandan aprobar as veciñas e veciños de Viveiro, que ven como se van deteriorando cada ano máis os servizos públicos básicos do concello mentras o cogoberno segue sen querer pórlles solución… E porque? Porque se empeñan en seguir aprobando orzamentos feitos a imaxe e semellanza das políticas curtopracistas e de improvisación, e para exemplo non hai máis que fixarse na dotación de crédito para axudas a empresas que reflexa á perfección o fracaso do mal chamado Plan de Reactivación Económica 2020 do cogoberno. Mais tampouco é algo que sorprenda demasiado as veciñas e veciños este fracaso do pacto presupostario 2020 entre PSOE e XV, posto que nunca máis se soubo da Casa da Cultura, do Monumento ás Irmandades da Fala ou das propostas de Carril bici acordados no 2017, tampouco nunca máis se soubo da creación do Patronato de Turismo ou da zona de cans no Parque Pernas Peón que acordaron vostedes realizar no 2018.

En resumo, presentáronnos para a súa aprobación, un ano máis, un proxecto de orzamento pechado a calquera debate e a calquera proposta de mellora. Así pois, só tendo en conta esta premisa obviamente xa se faría inviable dar o noso apoio a estos orzamentos, é máis, ao grupo do BNG pareceríanos até irresponsable votar a favor dun documento selado e lacrado sen consenso nin participación veciñal nin o coñececemento en detalle do mesmo por parte dos grupos da corporación aos cales nos negaron a oportunidade de coñecelo e debatelo previamente, pechándonos así calquera posibilidade de poder facermos nin a máis mínima aportación ao documento. Se a isto lle sumamos as conclusións extraídas da lectura resumida do seu proxecto, desde o BNG recalcamos o noso voto desfavorable, deixando claro que votar en contra do proxecto non implica que vaiamos dar a espalda ás contas do concello nin as súas veciñas e veciños senón todo o contrario, posto que imos seguir exercendo o noso dereito a coñecer o grao de cumprimento dos programas que se recollen no documento e ademais ímos exixir periódicamente información detallada sobre o grao de execución das partidas orzamentarias de gastos e ingresos.

Exit mobile version